Deportes e mocidade
Deputación de Lugo

Máis dun centenar de rapaces serán protagonistas do IV Campus Álex Llorca, co que colabora a Deputación

Pablo Rivera Capón
baloncesto
Campus Álex Llorca
IV Campus Alex Llorca
A cuarta edición do Campus celebrarase en Lugo do 8 ao 14 de xullo, empregando como instalacións de adestramento o Pazo dos Deportes e o seus anexos

Está dirixido a rapaces nados entre o ano 2001 e 2011, que terán a posibilidade de inscribirse baixo tres modalidades: réxime externo, semiexterno ou interno

Toda a información publicarase nas redes sociais do campus e na web do mesmo www.campusalexllorca.com Xa se están abertas as inscricións con máis de 50 solicitudes

O Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, o Concelleiro de Deportes de Lugo, Miguel Fernández Méndez, o Xefe Provincial de Deportes, Manuel Otero Méndez, o xogador de Álex Llorca, e o Director Deportivo da AX Sagrado Corazón, Rubén Engroba, presentaron este luns no Pazo de San Marcos, a cuarta edición do Campus Álex Llorca, que se celebrará na capital luguesa do 8 ao 14  de xullo. O campus está organizado pola Asociación Xuvenil Sagrado Corazón (AXSC) e celebrarase no Pazo dos Deportes de Lugo e nos pavillóns anexos. Ata a data, xa hai máis de 50 inscritos procedentes de todas as provincias de Galicia, así como de Castela e León, Madrid e Barcelona.

Rivera Capón, agradeceu a Álex Llorca pola súa aposta decidida polo baloncesto e  sinalou que “contribuímos a facer posible este campus que ten a capacidade de difundir valores, é un encontro deportivo moi proveitoso para os nenos xa que combina múltiples actividades”.

Fernández Méndez destacou a tradición do deporte de baloncesto na cidade de Lugo e afirmou que “dende o Concello apostamos por programacións relacionadas co deporte e a actividade física. Durante unha semana damos a posibilidade de transmitir valores aos participantes deste campus”.

Pola súa parte, Álex Llorca agradeceu a colaboración de Deputación e Concello  e apuntou que “os nenos interesados en participar poden apuntarse a través da web do campus na que existen tres rexistros de inscrición”.

Inscricións e prazas dispoñibles
O campus está dirixido aos rapaces nacidos entre o ano 2001 e 2011, terán a posibilidade de inscribirse baixo tres modalidades: réxime externo, semiexterno ou interno. O campus conta con oito pistas cubertas de parqué flotante para nenos e nenas. Como Residencia para internos e lugar para comidas e ceas empregaranse as instalacións do CE Santa María. Así mesmo, o Concello de Lugo pon a disposición dos participantes as piscinas municipais para os momentos de lecer. O director técnico é Mateo Rubio, primeiro adestrador do equipo júnior do Fútbol Club Barcelona. Toda a información irase publicando nas redes sociais do campus e na web do mesmo www.campusalexllorca.com, onde ademais poderán inscribirse xa e sumarse aos preto de medio centenar de prescritos que xa se apuntaron. En total hai preto de 120 prazas dispoñibles.

Programación diaria

09:30 - Almorzo
10:30 - Adestramento técnico
11:45 - Descanso
12:15 - Adestramento táctico, toma de decisións
14:00 - Comida
16:00 - Adestramento Táctico aplicado a situación de xogo
17:30 - Merenda
18:00 - Competicións
20:30 - Cea
22:00 - Tecnificación/vídeo/charlas formativas/actividade tempo libre
23:30 - Descanso