Deportes e mocidade
Deputación de Lugo

O Executivo Provincial recibe a Nuria López Fernández, campioa de España de Atletismo en cadeira de rodas

deporte
deporte feminino
Atletismo
nuria lópez
A atleta ven de acadar as medallas de ouro en 200, 400 e 100 metros, batendo ademais o récord de España nesta última modalidade. É o terceiro ano que Nuria López Fernández consegue medalla no campionato de España

Rivera Capón destacou que “desde as institucións temos a obriga de loitar contra todas as barreiras, tamén no deporte. Nuria é un exemplo para todas as persoas. Máis alá dos prexuízos, triunfos como os de Nuria axudan a acadar unha sociedade máis xusta”

O Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, recibiu este xoves a atleta Nuria López Fernández, no Pazo de San Marcos, nun acto de recoñecemento dos seus últimos logros no Campionato de España de Atletismo Adaptado. Nesta competición a atleta do Saviñao ven de gañar as medallas de ouro en 200, 400 e 100 metros, batendo ademais o récord de España nesta última modalidade.

Nuria leva tres anos sendo campioa de España de atletismo en cadeira de rodas, agora céntrase na súa próxima meta, a participación en maio no Grand Prix Nottwil, en Suiza, unha das pistas máis rápidas do mundo e unha proba decisiva para a súa participación no mundial que se celebrará este novembro en Dubai.

Rivera Capón destacou que “desde as institucións temos a obriga de loitar contra todas as barreiras, tamén no deporte, para lograr a plena inclusión de persoas con  mobilidade reducida e capacidades diferentes. Nuria é un exemplo para todas as persoas, co seu esforzo e dedicación converteuse nunha gran campioa”.

O Deputado de Deportes tamén quixo sinalar o gran potencial que ten o deporte lugués: “todos os nosos deportistas teñen unhas grandes capacidades, máis alá dos prexuízos. Triunfos como os de Nuria axudan a acadar unha sociedade máis xusta.”

Unha campioa froito da superación
Nuria López Fernández leva catro anos practicando o atletismo. Mentres pasaba unha mala racha, decidiu comezar a correr, pouco a pouco foi probándose a si mesma, facendo máis quilómetros e esforzándose por superarse. A súa primeira participación nunha carreira tamén foi un xeito de probar ata onde podía chegar, e rematou segunda, a partir dese momento comezou a colleitar éxitos, ata chegar ao máis alto dos podios españois.

A atleta explicou que “a actividade deportiva é moi beneficiosa para todas as persoas con capacidades diferentes, non só a nivel físico, as veces hai que deixar de lado os resultados competitivos e centrarnos no ben que nos fai, anímica e socialmente”.

Continúa aberto o prazo para solicitar as axudas para deportistas individuais
O prazo para a solicitude de axudas para deportistas individuais continúa aberto ata o día 1 de abril. Este ano establécese un aumento das bolsas dun 20% ata chegar as 185, a contía das axudas vai desde os 300 euros aos 1.500 euros, ata acadar os 85.000 euros. Na súa concesión, teranse en conta aspectos como os resultados acadados en competicións internacionais, estatais, galegas e provinciais. Así mesmo os pilotos federados que queiran recibir axudas da Deputación tamén teñen ata o 1 de abril para presentar as súas solicitudes. Toda a información, requisitos e documentación das dúas convocatorias atópase na páxina web da Deputación www.deputacionlugo.gal.