Cultura
Deputación de Lugo

'20 anos non son nada' homenaxea a actividade do Espazo de danza da USC no seu vixésimo aniversario

Lugo
Exposición
Danza
fotografía
Exposición fotográfica '20 anos non son nada'
Esta mostra fotográfica, inaugurada este mércores no Vello Cárcere, inclúe imaxes de bailaríns, mestres e coreógrafos en espazos interiores e exteriores, tratando de amosar o traballo realizado por este Espazo ao longo dos 20 anos de historia

López Izquierdo invitou a todos os lucenses a visitar esta mostra e sinalou que “esta mostra achega a todos os lucenses o mundo da danza e suma esforzos para facer máis visible esta disciplina artística”

Esta exposición fotográfica enmárcase no programa da XVII edición do Encontro Universitario de Danza que se celebrará o vindeiro 21 e 22 de marzo no Patio do Vello Cárcere ás 20.30 horas

A Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, a Concelleira de Cultura, Carmen Basadre Vázquez, e a Vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto, inauguraron, este mércores, a exposición fotográfica 20 anos non son nada, a mostra que homenaxea ao Espazo de Danza da Universidade de Santiago de Compostela polo seu vixésimo aniversario. Esta exposición, enmarcada na programación do Lugo Cultural, posta en marcha por Deputación, Concello e USC, achega ao público 20 imaxes de bailaríns, mestres e coreógrafos que formaron parte deste espazo de danza, ao longo dos 20 anos de historia.

López Izquierdo sinalou, durante o acto de presentación no que tamén participou o director deste espazo Juan Carlos Zahera, e a autora da exposición, Chus Varela, que “a través da ollada da fotógrafa, esta mostra achega a todos os lucenses o mundo da danza con 20 imaxes, e suma esforzos para facer máis visible esta disciplina artística que require de tanto esforzo e traballo. Só me resta invitar a todos os veciños a visitar esta mostra fotográfica, e felicitar ao Espazo de Danza da Universidade pola labor que realizan, superando as expectativas, ano tras ano”.

20 anos non son nada naceu no 2016 cando Zahera e a autora deste proxecto fotográfico cruzaron os seus camiños. Foi nese momento cando comezou a fraguarse esta idea, no que durante os anos seguintes, fíxose realidade, mostrando, ademais do puro traballo do Espazo de Danza, fotografías artísticas en si mesmas. Esta mostra fotográfica, baixo a dirección artística e creatividade de Juan Carlos Zahera, inclúe 20 imaxes que saen da zona de confort, pois realizáronse en espazos poucos comúns: interiores como corredores ou edificios da USC; ou espazos exteriores naturais como As Médulas. Os protagonistas destas imaxes son mestres, bailaríns ou coreógrafos que, nalgún momento da súa carreira, pasaron por este Espazo de Danza e que a día de hoxe, traballan en diferentes eidos relacionados co mundo da danza.

Encontro de Danza
Esta mostra fotográfica enmárcase no programa da XVII edición do Encontro Universitario de Danza que se celebrará o vindeiro 21 e 22 de marzo no Patio do Vello Cárcere ás 20.30 horas. Esta iniciativa creada co obxectivo de favorecer o intercambio cultural a través da danza, achega esta disciplina artística á cidade. Nesta edición, presentaranse creacións orixinais das seguintes compañías: DanzaUSCompostela, DanzaUSCLugo, Compañía Sen Vergoña, integrada por alumnado de IV Ciclo, a nova formación independente da USC Compañía Schattenidentitäten e a Aula de Danza da Universidade da Coruña.