Deputación de Lugo

O Festival Atlántica chega por primeira vez a Lugo con espectáculos narrativos totalmente gratuítos

Festival Atlántica
Festival Atlántica
- Trátase dun encontro artístico que xunta cada ano a un amplo elenco de narradores de diferentes países. Na súa 7ª edición, a provincia será o escenario de 26 representacións que terán lugar nos concellos de Lugo, Fonsagrada, Viveiro, Monforte e Guitiriz
- O CEIP Rosalía de Castro acollerá a primeira representación hoxe ás 12:15 horas, coa narración Un, dous e tres! Contos ao revés; ás 18:00 horas, na Biblioteca Municipal, terá lugar Contos de medo que dan risa; e ás 20:30, no Vello Cárcere narrarase Contar
- Deputación e Concellos colaboran conxuntamente con este programa que traerá á provincia narracións orais tanto para os nenos como para os adultos, dende hoxe e ata o vindeiro sábado 23. Todos os espectáculos son de balde e con entrada libre

O VII Festival Atlántica chega por primeira vez á provincia de Lugo, coa colaboración do Executivo Provincial. Trátase dun encontro artístico que xunta cada ano en Galicia a un amplo elenco de narradores de diferentes países do mundo. Na súa sétima edición, a provincia luguesa será escenario de 26 representacións que terán lugar nos concellos de Lugo, Fonsagrada, Viveiro, Monforte de Lemos e Guitiriz.

Deputación e Concellos colaboran conxuntamente con este programa que traerá á provincia narracións orais tanto para os nenos como para os adultos, dende hoxe e ata o vindeiro sábado 23. Todos os espectáculos son de balde e con entrada libre. 

A programación comezará este mércores, coincidindo co Día Internacional da Narración Oral. Deste xeito, ás 12:15 horas no CEIP Rosalía de Castro, celebrarase a narración Un, dous e tres! Contos ao revés, de Fátima Fernández. Ás 18:00 horas, na Biblioteca Municipal, terá lugar Contos de medo que dan risa, de Pablo Albo, dirixido ao público infantil e familiar. Ás 20:30 horas, no Centro Cultural O Vello Cárcere, Celso F. Sanmartín narrará para os máis adultos, Contar. As narracións de Fátima Fernández e Celso F. Sanmartín serán en galego mentres que a de Pablo Albo en castelán.

Atlántica está organizado por un grupo de profesionais do espectáculo e da xestión cultural dirixidos pola actriz e narradora Soledad Felloza. É unha iniciativa que procura unha programación cultural integradora e de máxima calidade. Moitas das historias que viaxaron polo mundo naceron e medraron nas lareiras das aldeas e vilas da montaña, e coa luz do candil acesa deron a volta ao mundo.


Programación en Lugo para os días 21, 22 e 23 de marzo
Mañá, xoves 21 de marzo, ás 20:30 horas no Centro Cultural O Vello Cárcere, María da Pontragha narrará en galego Contos do que non hai medo e Lois Pérez, Nas corripas da memoria, tamén en galego. Ambas narracións están dirixidas para os adultos. O venres 22 de marzo, ás 17:30 horas, na Biblioteca Municipal terán lugar as narracións dirixidas ao público infantil e familiar, Contos lerias e cousas pequenas, de Vero Rilo e Contos para viaxar a Xapón, de  Yoshi Hioki. Ás 19:30 horas, no Centro Cultural O Vello Cárcere, Vero Rilo e Yoshi Hioki narrarán en galego e castelán Contos para adultos. O sábado 23 de marzo, ás 11:30 horas, no Museo Interactivo de la Historia de Lugo terá lugar un espectáculo con voz e lingua de signos dirixidos ao público familiar, Unhas gafas como as do avó de Catoxo e Gema Santos.

Programación na Fonsagrada e Viveiro
O xoves 21 de marzo terá lugar no Salón de Actos da Fonsagrada a posta en marcha de 4 narracións orais tanto para os máis pequenos da casa como para os adultos: ás 17:30 horas, celebraranse as narracións de Contos de medo que dan risa de Pablo Albo e Romaría de Raquel Queizás, estas dúas narracións estarán dirixidas ao público infantil. Ademais, ás 20:00 horas terá lugar as narracións encamiñadas aos máis adultos, Pablo Albo narrará Contos pouco eficaces; mentres que Raquel Queizás Palabras na boca.

Tamén o xoves terán lugar en Viveiro na Sala Multiusos da Casa do Concello outras narracións orais. Ás 17:30 horas, celebraranse as narracións para o público familiar da man de Vero Rilo con Contos, lerias e cousas pequenas, e Contos para Viaxar a Xapón de Yoshi Hioki. Ás 20:00 horas será a quenda do público adulto con Lavandeiras de Vero Rilo e a narración de Yoshi Hioki, Contos populares do Xapón.

Programación en Guitiriz e Monforte de Lemos
O venres, 22 de marzo, ás 17:30 horas na Casa Habanera de Guitiriz terán lugar as narracións orais de Pablo Albo con Contos de medo que dan risa e Contos de hai mil anos...ou máis de Ángeles Goás. Ambas narracións están destinadas ao público familiar. Ás 20:00 horas é o momento dos adultos a cargo dos narradores Pablo Albo e Ángeles Goás con Contos pouco edificantes e O medo é libre.

Así mesmo, o venres, celebraranse na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro. de Monforte de Lemos, dúas narracións: ás 17:30 horas, terán lugar as narracións para os máis pequenos, Soledad Felloza narrará  De Tin Marin e Celso F. Sanmartín, Contar.  Ás 20:00 horas, será a quenda dos adultos, Soledad Felloza narrará O comezo do mundo e Celso F. Sanmartín, Contar.