Deportes e mocidade
Deputación de Lugo

Deputación e Concello realizan melloras no complexo deportivo de Monterroso, que empregan máis de 250 veciños

Monterroso
Deportes
Mellora do complexo deportivo de Monterroso
Os traballos serán financiados con 200.000 euros da Deputación e 8.200 do Concello. Consistirán na mellora da instalación eléctrica; a dotación de novos vestiarios; e a renovación da entrada ao complexo coa instalación de taquillas e un espazo de recepción

Con estas actuacións, as escolas deportivas, que contan con especialidades como pádel, karate, crossfit/fitness e patinaxe e os equipos de fútbol sala presentes no municipio poderán unificar toda a actividade deportiva nun mesmo lugar

O Presidente, Darío Campos Conde, e o Alcalde de Monterroso, Miguel Rico, acordaron este luns financiar melloras no complexo deportivo do municipio, que empregan máis de 250 veciños da zona. Este acordo contempla a achega de 200.000 euros da Deputación e 8.200 do Concello.

Así o explicaron o Presidente e o Rexedor municipal no acto no que deron a coñecer máis polo miúdo as actuacións que se van a realizar, e no que participaron veciños e representantes das entidades deportivas que empregan acotío estas instalacións.  

As actuacións consistirán na mellora da instalación eléctrica; a dotación de vestiarios debaixo das gradas do pavillón, xa que ata o momento o complexo só contaba cos vestiarios da piscina; e a renovación da entrada ao complexo, coa instalación de taquillas para os usuarios e un espazo de recepción.

Ata o momento, as escolas deportivas municipais organizaban algunhas das súas actividades no espazo multiusos, pero grazas a esta obra poderán unificar toda a actividade deportiva nun mesmo lugar.

Así os preto de 250 veciños, entre nenos e adultos, que participan nas escolas deportivas de pádel, karate, crossfit/fitness e patinaxe; así como os xogadores dos dous equipos de fútbol sala presentes no municipio, terán un lugar común de referencia para a práctica deportiva.

Mellora do complexo deportivo de Monterroso