Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

27 persoas con alzheimer da Mariña reciben atención profesional a través de AFA Viveiro

Viveiro
benestar social
alzheimer
Encontro cos usuarios de AFA Viveiro
López Izquierdo mantivo un encontro cos usuarios e representantes do colectivo para coñecer as necesidades ás que se enfrontan diariamente os enfermos que padecen esta enfermidade neurodexenerativa e os seus familiares

A Deputación colabora coa asociación para que as persoas afectadas sexan atendidas por distintos profesionais: traballadores e educadores sociais, terapeutas ocupacionais, fisioterapeutas, psicólogos, expertos en nutrición, etcétera

Aínda que non existe un censo oficial de afectados, en Galicia hai preto de 70.500 persoas con Alzheimer ou algún outro tipo de demencia, segundo os datos que manexa a Federación Alzheimer Galicia (FAGAL)

A Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, mantivo un encontro cos usuarios da Asociación de Familiares de Alzheimer (AFA) de Viveiro, nas instalacións que este colectivo dispón na localidade, para coñecer as necesidades ás que se enfrontan diariamente os enfermos que padecen esta enfermidade neurodexenerativa e os seus familiares. Actualmente, hai un total de 27 persoas que se benefician dos servizos da asociación.

A Deputación colabora con este colectivo a través do programa de estimulación e mantemento cognitivo destes doentes. Esta e outras axudas permiten que as persoas afectadas sexan atendidas por distintos profesionais: traballadores e educadores sociais, terapeutas ocupacionais, fisioterapeutas, psicólogos, expertos en nutrición, no desenvolvemento psicomotor, auxiliares de enfermería, entre outros servicios, que posibilitan a aplicación de técnicas que melloran a vida das persoas afectadas.

En AFA Viveiro contan con persoal e medios especializados cos que desenvolver exercicios de memoria, como a aprendizaxe de regras mnemotécnicas; exercicios de atención visuais e auditivos, como sudokus ou labirintos; actividades de cálculo mental; orientación espacial e temporal; e de linguaxe, con xogos de palabras e exercicios de narración.

Aínda que non existe un censo oficial de afectados, a Confederación Española de Asociacións de Familiares de Alzheimer e outras Demencias (CEAFA) calcula que un 13,2% das persoas maiores de 65 anos padece esta doenza, o que se traduce en preto de 810.000 pacientes en toda España. En Galicia, hai preto de 70.500 persoas con alzheimer ou algún outro tipo de demencia, segundo os datos que manexa a Federación Alzheimer Galicia (FAGAL).