Deputación de Lugo

Contratada a remodelación dos hortos do Rato e Paradai: accesibles, ecolóxicos e con máis servizos

Xunta de Goberno
hortos urbanos
hortos urbanos
- Ampliaranse o número de hortos aos 175. Todos serán de 30 m2 e terán iguais peches de madeira, sistema de rego e compostoiros. Cultivara de xeito sostible plantas da horta do país que facilitará a Deputación para promover a agricultura ecolóxica
- Haberá zonas de cultivo específicas para escolares e persoas con problemas de mobilidades. Tamén unha zona de ocio. Faranse podas, melloras no firme e nos accesos
- Todos os veciños interesados poderán participar no sorteo público dos hortos. Fíxase 1 horto por familia e garánteselle aos actuais usuarios un espazo se así o desexan
- A creación do Consello de Hortos e do regulamento de boas prácticas son outras das medidas feitas para mellorar a xestión dos hortos e involucrar nisto aos usuarios

O Executivo da Deputación aprobou en Xunta de Goberno a contratación dos traballos de remodelación integral dos hortos públicos do Rato e Paradai, que permitirá ofrecer 175 novos espazos accesibles, con máis servizos e nos que se promoverán prácticas agroecolóxicas. Os hortos terán novos peches, sistema de rego ou compostaxe. Terán o mesmo tamaño e peches para respectar unha mesma liña paisaxística. O proxecto inclúe traballos de poda, mellora de accesos, dotación de zonas de cultivo específicas para escolares e persoas con mobilidade máis reducida, espazo de lecer... As obras contan cun orzamento de 78.000 euros. Comezarán en abril. O prazo de execución é de 2 meses. 

Os usuarios poderán cultivar plantas do país, que distribuirá a Deputación, como son tomates, pementos, leitugas, allos, xudías, cabaciñas, cabazas... Ademais, da propia remodelación dos hortos, 

Actuacións a realizar nos hortos
O proxecto contratado , que leva o nome de Os agros do Rato, implica en primeiro lugar retirar os peches existentes, o acondicionamento do solo e traballos de delimitación. As seguintes actuacións que se farán son: 
1.    Ampliación do número de hortos, pasando dos 150 aos 175. Increméntase o seu número no río Rato, chegando aos 150; e mantéñense en Paradai, onde hai 25. 
2.    Espazos uniformes: cada horto será de 30 metros cadrados. 1 horto por familia e para agricultura ecolóxica, tal e como recolle o regulamento de boas prácticas.
3.    Sistema de rego. Cada horto terá acceso á auga incluso con rega por goteo. 
4.    Impulso da compostería. Cada horto terá compostoiros para poder realizar traballos de auto abastecemento e actividades de formación neste eido.
5.    Peches de madeira: realizaranse cerramentos perimetrais mediante madeira.
6.    Melloras no firme dos hortos e nos accesos aos mesmos.
7.    Habilitaranse zonas de cultivo específicas para escolares e para persoa con mobilidade máis reducida.
8.    Dotación dunha zona de ocio con mesas e bancos e paneis informativos. 
9.    Poda. Executaranse traballos de mellora silvícola podando ou retirando árbores de grande envergadura, que dificultan a produción.

Acceso público aos hortos
Executado este proxecto, abrirase un proceso de selección no que todos os interesados poderán facer a súa solicitude. A concesión farase a través dun sorteo público. Por familia, só pode haber un único beneficiado. Garánteselle aos actuais usuarios un espazo se así o desexan. Todo isto se recolle no regulamento de boas prácticas que elaborou o Goberno da Deputación coa participación dos veciños, pois para elo creou un Consello de Hortos, involucrando aos usuarios neste proceso de mellora destes espazos públicos en todos os eidos. Tras varias reunións e definir o regulamento, este foi aprobado polo Pleno.   

Consello dos hortos
Outra das accións postas en marcha foi a creación do Consello dos hortos, totalmente participativo. Trátase dun grupo de traballo no que se inclúen representantes da Deputación e, por suposto, representantes dos beneficiarios dos hortos, co fin de incluír e atender as necesidades e facelos partícipes. Están incluídos o Presidente da Deputación, un funcionario da área de medio ambiente, dúas vogais en representación dos usuarios e o técnico responsable dos hortos. 

Regulamento de boas prácticas
Co fin de regular o uso dos hortos, elaborouse un regulamento de boas prácticas no que se introduciron as peticións dos usuarios, que son os que mellor coñecen as necesidades destes espazos públicos. Nel contémplanse aspectos como o modelo de solicitude, dereito e deberes dos usuarios dos hortos, duración do contrato e as prohibicións, entre outros. Logo de ter resolta a empresa adxudicataria, manteranse encontros cos usuarios para rematar o texto.
Actividades formativas para os usuarios
Co fin de mellorar a formación dos usuarios dos hortos, a Deputación deseñou unha programación de sesións informativas dirixidas a formar en agroecoloxía aos usuarios dos hortos. Son un total de 5 faladoiros enfocados a dotar aos veciños de novos coñecementos relacionados co abonado orgánico, a planificación do horto ou o tratamento preventivo e ecolóxico de pragas, mostras do solo, mecanizado de parcelas, e identificación de plagas ou o uso da auga de rega.  Foméntase tamén medidas de desenvolvemento sostible, boas prácticas agrarias, ou alimentación e hábitos de vida saudables.