Deputación de Lugo
Medio ambiente

25 persoas participan no obradoiro gratuíto da Deputación sobre educación cívica medioambiental, no paseo do Rato

Medio Ambiente
Centro de Interpretación Terras do Miño
cursos
Imaxe deputación de lugo
- A actividade, Descubrindo a arte na natureza, que terá lugar no Centro de Interpretación Terras do Miño, ofrece formación sobre a importancia da sustentabilidade e sobre as potencialidades da natureza
- Este obradoiro enmárcase na programación de actividades medioambientais do Executivo Provincial para o primeiro trimestre do ano
- O curso ten unha duración de 8 horas, que corren a cargo dos membros do grupo de investigación da USC Edunartex (Educación, Natureza, Arte e Excursionismo)

25 persoas participarán, este venres e o sábado 16 de marzo, no obradoiro gratuíto Descubrindo a arte na natureza, que ofrece o Goberno da Deputación no Centro de Interpretación Terras do Miño, enmarcado na programación de actividades medioambientais do Executivo Provincial para o primeiro trimestre do ano. A actividade, pensada para desfrutar en familia, ten como finalidade ofrecer información sobre a importancia do comportamento cívico na natureza e concienciar sobre os problemas ambientais e achegar aos asistentes á flora e fauna autóctonas, co fin de contribuír con estas a unha educación ambiental.

Como vén sendo habitual, estes cursos, ademais de ser formativos para a poboación, teñen unha clara finalidade: espallar entre a cidadanía unha cultura ambiental de coidado e conservación do medio ambiente. A través destes obradoiros, a Deputación ofrece formación totalmente de balde e ademais contribúe a que os participantes adquiran unha conexión coa natureza, unha mellor comprensión e unha responsabilidade co medio rural.

O grupo de Investigación Edunartex
O obradoiro terá unha duración de 8 horas nas que membros do grupo de investigación da USC Edunartex (Educación, Natureza, Arte e Excursionismo) darán aos participantes nocións básicas teóricas e prácticas ao aire libre sobre a importancia dos conceptos de biodiversidade e sustentabilidade.

Durante o curso, os participantes recibirán formación sobre os recursos da terra, particularmente do chan, a auga, os minerais, así como as súas características e o rol que desempeñan como apoio dos organismos vivos; a dependencia dos seres humanos dos recursos ambientais para a vida e a sustentabilidade; as características das sociedades e o seu impacto na contorna natural; os procesos de urbanización e as consecuencias de desruralización, entre outros temas relacionados.

Obxectivos da educación ambiental
O obxectivo é que os asistentes adquiran unha educación ambiental que lles permita aplicar conceptos fundamentais como contorna, comunidade, desenvolvemento, biodiversidade ou sustentabilidade a contextos locais, nacionais e globais; ter un amplo abano de recursos á hora de abordar cuestións medioambientais.

A educación ambiental incorpora unha perspectiva comprometida coa natureza á hora de tomar decisións. Os participantes aprenderán a apreciar a fraxilidade e a beleza da natureza e a desenvolver o respecto pola contorna e as funcións de todos os seres vivos que conforman o ecosistema global; a entender que a vida humana depende dos recursos do planeta e a necesidade dun progreso sustentable para garantir a existencia deses recursos.

Programación totalmente de balde
Cada ano, centos de persoas participan de xeito totalmente gratuíto nesta programación de actividades medioambientais que ofrece a Deputación. De feito, o ano pasado, foron máis de 4.000 os veciños da provincia que se sumaron a estas actividades. A través deste tipo de iniciativas, o Goberno busca fomentar entre a cidadanía valores relacionados coa conservación e mantemento do medio ambiente e, ao mesmo tempo, dar a coñecer o entorno natural da provincia, co fin de aprender a respectalo e coidalo.