Deputación de Lugo
Infraestruturas

Aprobados os proxectos para rehabilitar 5 vías municipais no Concello de Lourenzá

Lourenzá
infraestruturas
Imaxe deputación de lugo
O Executivo da Deputación aprobou en Xunta de Goberno os proxectos así como iniciar a súa contratación, cunha achega máxima de 127.000 euros

As vías que nas que se executarán melloras son a Travesía da Mariña - Avenida Mondoñedo, Avenida Calvo Sotelo, Rúa Secretario Luís Iglesias - Carlos Peregrín Otero, Camiño de Maderne e Veiga de Santo Adrao

O Executivo da Deputación aprobou en Xunta de Goberno os proxectos para mellorar 5 vías municipais no Concello de Lourenzá, así como iniciar a súa contratación. Son actuacións para as que se achegan un máximo de 127.000 euros. As actuacións consistirán na reposición do firme dun total de 1,2 quilómetros.

As actuacións de rehabilitación realizaranse en 200 metros da Travesía da Mariña-Avenida Mondoñedo, tamén coñecido como o Cantón, que discorre por diante da praza principal de Lourenzá; 135 metros da Avenida Calvo Sotelo que discorre por diante dun grupo de vivendas sociais e vai cara a costa de A Mariña; 235 metros da rúa Secretario Luís Iglesias - Carlos Peregrín Otero. É a estrada que comunica co recinto da Feira de Mercado Rural Gandeiro; 300 metros do Camiño de Maderne, na zona rural do Norte do Concello de Lourenzá, que dá saída cara á localidade de A Casolga; e 400 metros  no núcleo rural de Veiga de Santo Adrao, na zona Sur do municipio e que da servizo a Parroquia de San Adrao.