Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

600 establecementos da zona sur súmanse ao Merca e Gaña polo Nadal de Deputación e Federación de Comercio

Merca e Gaña
Federación de Comercio
600 establecementos da zona sur súmanse ao Merca e Gaña polo Nadal de Deputación e Federación de Comercio
López Izquierdo e Seijas informaron sobre esta iniciativa que inclúe 40 premios dun total de 10.000 euros para novas compras no mercado local. Fixérono en encontros con veciños e comerciantes de Monforte de Lemos e Chantada

“Buscamos incentivar as compras no comercio de proximidade, co fin de promover a actividade do pequeno comercio que é un dos piares fundamentais da economía da provincia. De feito, é un sector que dá traballo a unhas 1.400 familias”, destacou

As persoas que merquen nos comercios poderán participar no sorteo de 20 tarxetas de 300 euros e outras 20 de 200 euros. Para elo, débese fotografar o tícket da compra e rexistrala en www.nadalmercaegana.com ou solicitar o rexistro ao comerciante

A Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, e o Presidente de dito colectivo, José María Seijas López, informaron este venres que máis de 600 establecementos do sur da provincia se sumaron ao Merca e Gaña polo Nadal, a campaña de sensibilización e promoción das compras no pequeno comercio, que puxo en marcha a Deputación a través da Federación de Comercio de Lugo. Trátase dunha iniciativa coa que se busca incentivar as compras nos establecementos da provincia, ofrecendo 40 premios por valor de 10.000 euros, para seren reinvestidos nos propios comercios da zona. Así o informaron durante encontros con comerciantes da zona sur, que se realizaron en Monforte de Lemos e Chantada, e nos que participaron profesionais destes municipios.

López Izquierdo subliñou que “buscamos incentivar as compras no comercio de proximidade durante este nadal, co fin de promover e impulsar a actividade do pequeno comercio que é, sen dúbida, un dos piares fundamentais da economía de toda a provincia. De feito, é un sector que dá traballo a unhas 1.400 familias, o que da mostra da importancia deste sector. Ademais, as compras de Nadal supoñen máis do 25% das vendas anuais, por iso decidimos poñer en marcha esta campaña, coa que animamos a todos os veciños a que fagan as súas compras mercando no comercio local gañamos todos”.

Seijas López apuntou que “este tipo de campañas son fundamentais para poñer en valor a figura do pequeno comercio, de todas esas tendas que temos nas nosas rúas, ao pé das nosas casas, que son os que realmente axudan manter a economía da nosa cidade. Ademais con esta iniciativa apostamos por incentivar o uso das novas tecnoloxías, tanto por parte dos consumidores como dos comerciantes, pois temos claro que a dixitalización do comercio é o presente, un paso obrigado”.

Como participar


Merca e Gaña polo Nadal desenvolverase dende xa e ata o 6 de xaneiro. Durante este período, incentívanse as compras no comercio local con material promocional nas rúas dos 67 Concellos ou en redes sociais co hashtag #nadalmercaegaña.

As persoas que merquen en calquera dos establecementos da provincia poderán participar no sorteo de 20 tarxetas regalo de 300 euros e outras 20 de 200 euros. Para elo, débese fotografar o tícket da compra e rexistrala en www.nadalmercaegana.com ou solicitar o seu rexistro ao comerciante. O sorteo ante notario será o 11 de xaneiro. Máis información en www.nadalmercaegana.com.

 

600 establecementos da zona sur súmanse ao Merca e Gaña polo Nadal de Deputación e Federación de Comercio