Deportes e mocidade
Deputación de Lugo

370 nenos e nenas participarán en Lugo na VI Concentración de Rugby base, co apoio da Deputación

Rugby base
370 nenos e nenas participarán en Lugo na VI Concentración de Rugby base, co apoio da Deputación
No torneo participarán 55 xogadores do Muralla Rugby Club de Lugo, das categorías Sub-6 a Sub-12, con xogadores de idades comprendidas entre os 5 e 11 anos

Rivera Capón subliñou que “colaboramos con clubs como o Muralla Rugby que está a facer un traballo importante no eido deportivo, formando a nenos e nenas nun deporte que está a medrar en afeccionados cada tempada na provincia de Lugo”

O organismo provincial colaborou en 2018 co Muralla RC cunha axuda ao deporte base de 6.000 euros para sufragar gastos pola súa actividade competitiva

O Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, presentou este xoves, xunto ao Concelleiro de Deportes, Miguel Fernández Méndez, o Presidente do Muralla Rugby Club Lugo, Iago Cobas Rodríguez, e a delegada da Escola Muralla RC, Isabel Moyer Bretón, a VI Concentración de Rugby Base que se celebrará o sábado 15 no Estadio Gregorio Pérez Rivera de Lugo e coa que colabora a Deputación coa cesión das medallas para os participantes. Trátase dun torneo no que participarán un total de 32 equipos de 11 clubs de rugby de toda Galicia, entre eles o Muralla Rugby Club Lugo, e o equipo asturiano Real Oviedo Rugby.

Rivera Capón, subliñou que “colaboramos con clubs como o Muralla RC ao que o Goberno da Deputación achegou en 2018 unha axuda de 6.000 euros, para sufragar gastos pola súa actividade competitiva. Por exemplo, de arbitraxe, transporte, federativos (pola consecución de licenzas, seguros...). Este club está a facer un traballo importante no eido deportivo, formando a nenos e nenas nun deporte que está a medrar en afeccionados cada tempada na provincia de Lugo. Estes torneos que organiza a Federación Galega de Rugby son fundamentais para contaxiar o espírito deportivo nas categorías inferiores”.

O Deputado de Deportes destacou que “a xornada do sábado é unha maneira de fomentar este deporte na provincia. Será unha xornada de desfrute e aprendizaxe do rugby, sen puntuacións, nin clasificacións. Será lúdica para os afeccionados e sobre todo, será unha oportunidade para inculcar entre os máis pequenos, a idades moi temperás, a importancia do deporte na vida cotiá. Esta xornada contribúe a amosarlles aos nenos e nenas o traballo en equipo, e valores como o esforzo e o respeto, ademais de aportar grandes beneficios físicos”.

Na xornada do sábado celebraranse un total de 60 partidos en diferentes categorías de equipos do Real Oviedo Rugby, Valentes, Vigo RC, Pontevedra RC, CR Ferrol, CRAT A Coruña, CR Lalín, Os Ingleses RC, Ourense Rugby, CR Fendetestas, ademais do club lucense. O Muralla Rugby Club participará no torneo con 55 xogadores con equipos mixtos de idades comprendidas entre os 5 e 11 anos, nas categoría Sub-6, Sub-8, Sub-10 e Sub-12.  

Muralla RC


O Muralla Rugby Club naceu en 1986. Desde entón, experimentou unha importante evolución na inscrición de licencias para a práctica do rugby. En 2003, creouse o equipo masculino; en 2012, púxose en marcha a escola deportiva; en 2013, naceu o equipo feminino. Nos últimos 4 anos, as fichas de inscrición da escola deportiva pasaron de 19 a 80 xogadores/as, ao que hai que sumar as licencias de Sub-14 e Sub-16, o que faría un total de 100 xogadores/as de categorías inferiores. Ademais, os equipos masculino e feminino suman un total de 50 xogadores en conxunto.