Deputación de Lugo
Infraestruturas

Campos Conde supervisa as obras da estrada que conecta a Pobra de San Xiao con Carracedo, en Láncara, que conta cunha inversión de 340.000 euros

Láncara
Pobra de San Xiao
 Estrada que conecta a Pobra de San Xiao con Carracedo, en Láncara
Campos Conde e Piñeiro López supervisaron a execución dos traballos que se están a realizar nun treito de 2 quilómetros da estrada provincial LU-P-2703

O Presidente destacou que “con estas novas actuacións satisfacemos unha vella demanda dos veciños lancareses, mellorando unha da arterias principais do Concello, pois trátase dunha das estradas que conecta a localidade de Láncara coa da Pobra de San Xiao, beneficiando aos máis de 1.000 veciños que viven nestes núcleos rurais”

O Alcalde agradeceu á Deputación o seu esforzo e implicación “por mellorar a calidade de vida de todos os lancareses. Cóbrese unha reivindicación social pois esta é unha vía fundamental e estratéxica para o noso municipio”

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e o Alcalde de Láncara, Darío Piñeiro López, supervisaron a execución dos traballos de mellora integral que se están a realizar en 2 quilómetros da estrada LU-P-2703 de Pobra de San Xiao a Carracedo.

Campos Conde destacou que “con estas novas actuacións na LU-P-2703 satisfacemos unha vella demanda dos veciños lancareses, mellorando unha da arterias principais do Concello, pois trátase dunha das estradas que conecta a localidade de Láncara coa da Pobra de San Xiao, que soporta unha gran cantidade de tráfico rodado, beneficiando directamente aos máis de 1.000 veciños que viven nestes dous núcleos rurais”. O Presidente explicou que, anteriormente, o Executivo Provincial mellorou con outros 800.000 euros esta vía. Concretamente foi dende o punto quilométrico 0 ao 6,050, polo que con estes novos traballos quedará totalmente arranxada esta vía, cun investimento total de 1,1 millóns de euros.

O Alcalde agradeceu á Deputación o seu esforzo e implicación “por mellorar a calidade de vida de todos e cada un dos lancareses. Con estes novos traballos cóbrese unha reivindicación de todos os veciños do Concello pois esta é unha vía fundamental e estratéxica para o noso municipio, sendo unha das dúas estradas que enlazan Láncara coa Pobra de San Xiao. A outra trátase da LU-621, de titularidade autonómica, que tras o anuncio da Deputación de arranxar integramente a estrada provincial, a Xunta de Galicia decidiu, tras máis de 25 anos de loita e de espera, acondicionala. Por fin, os lancareses teremos unhas infraestruturas seguras e de primeiro nivel”.