Menu toggle
Benestar Social

Rede de Centros Públicos de Atención a Maiores da Deputación de Lugo 

A Deputación de Lugo conta cunha Rede de Protección Social que ten como un dos principais piares a rede de centros públicos de atención a maiores, ademais do servizo de teleasistencia domiciliaria e o apoio ao servizo de axuda no fogar dos concellos.

Centro de Atención a Maiores da Fonsagrada

 

Con este sistema asistencial, a Deputación favorece o benestar social, a conciliación e xera actividade e emprego sostible, con máis de 300 postos de traballo, aínda non tendo as competencias en servizos sociais, pois estas recaen na comunidade autónoma, segundo establece o Estatuto de Autonomía.

A Deputación de Lugo conta con 4 centros públicos de atención a maiores na provincia, nos municipios de Trabada, Ribadeo, Pol e A Fonsagrada, con capacidade para máis de 200 veciños e veciñas. O orzamento que a institución provincial destina ao ano á rede pública de residencias ascende a 9 millóns de euros.

No concello de Ribadeo, a institución provincial ten unha residencia de 48 prazas, no de Pol unha de 36 prazas, en Trabada outra con 30 prazas e na Fonsagrada, un centro con 28 prazas. A maiores, estas dependencias ofrecen prazas de centro de día: 18 no centro de Pol, 20 no de Trabada e 20 no da Fonsagrada.

Centro de Atención a Maiores de Pol

Os centros de maiores da Deputación de Lugo teñen unhas infraestruturas modernas e totalmente adaptadas ás necesidades dos maiores e ao seu grao de dependencia. A maiores dos servizos esenciais, ofrecen actividades destinadas ao entretemento e a fomentar unha vida activa. As residencias ofrecen tamén un servizo de limpeza continua, lavandería e traballos de xastrería.

O persoal dedica unha atención especializada en áreas fundamentais, como a hixiene persoal ou a mobilidade. Ademais, ofrécense menús adaptados, elaborados por expertos en nutrición, cociñados con produtos de temporada e de proximidade, pensando sempre en coidar a saúde dos maiores. É habitual que as direccións dos centros organicen menús especiais cadrando con aniversarios ou celebracións arraigadas na provincia, como o San Xoán, o magosto ou o Nadal, co obxectivo de que a súa vida no centro se asemelle o máximo posible á súa vida de sempre.

Centro de Atención a Maiores de Ribadeo


A Deputación ten implantado un modelo de xestión das residencias público, de proximidade, de calidade asistencial, que pon no centro ás persoas, e non busca o negocio, un sistema que favorece o benestar, a calidade de vida e a tranquilidade dos maiores e das súas familias, e que, ademais, ten un retorno económico importante na zona na que se implantan, pois crean emprego sostible e contribúen así a fixar poboación.

A eficacia deste modelo de xestión demostrouse na crise da COVID-19 cando, por un lado, a Deputación aplicou rigorosos protocolos de prevención e seguridade, incluso por riba das medidas marcadas polas autoridades sanitarias, para protexera aos maiores, un dos colectivos máis vulnerables ante a enfermidade, e, por outro, o persoal dos centros traballou cos usuarios mediante distintos tipos de talleres que lles facilitasen entender a situación, a que se enfrontaban e o por que da restrición das visitas ou do uso de material de protección, ademais de garantir unha comunicación fluída e transparente coas familias, todo para favorecer o seu benestar físico, pero tamén emocional.

As instalacións dos centros de maiores da Deputación están pensadas para poucos usuarios, nas que se garante que reciben os coidados e servizos que precisan e aos que teñen dereito, preto do seu lugar habitual de residencia. A institución facilita que cada persoa poida permanecer no lugar no que fixo a súa vida, convivindo cos seus veciños e veciñas e atendidos por persoal que na súa maioría é da súa zona e mesmo coñecen. Todo isto favorece a súa calidade de vida, e tamén o seu benestar emocional.

Centro de Atención a Maiores de Trabada

O modelo da Deputación, en cooperación cos concellos nos que se asentan os centros, establece que o acceso ás prazas sempre é de xeito para os veciños do municipio; en segundo termo para os dos municipios limítrofes ou da comarca; e logo para lucenses en xeral. Ademais, todos os veciños e veciñas, independentemente da súa situación económica, poden acceder a estas prazas, posto que os usuarios pagan en función da súa capacidade económica.

Ademais das catro residencias que a Deputación ten en marcha en Pol, Trabada, Ribadeo e A Fonsagrada, segue avanzando nos compromisos que ten adquiridos cos concellos neste eido. Deste xeito, antes de finalizar o ano prevé abrir os centros de atención a maiores de Castroverde e Pedrafita do Cebreiro, e ten as obras dos edificios finalizadas en Meira, Navia e Ribas de Sil coa previsión de que poidan entrar en funcionamento o vindeiro ano. Así mesmo, nos últimos meses comezou as obras da residencia de Guitiriz, adxudicou a construción da de Portomarín e asinou un convenio co Concello de Pantón para construír un centro nesta localidade.

Agenda bienestar social e igualdad