Deputación de Lugo

A Deputación adxudica tarefas para a conservación das estradas provinciais por 5,2M€

Deputación de Lugo
A Xunta de Goberno aprobou a adxudicación de 7 dos 8 lotes nos que está dividido o contrato, que inclúe todos os traballos necesarias para a conservación e o mantemento das estradas, e para a atención de emerxencias, causas sobrevidas e consecuencias das inclemencias meteorolóxicas que afecten á rede viaria provincial

A voceira socialista do Goberno provincial, Pilar García Porto, informou que a Xunta de Goberno deste venres aprobou a adxudicación de 7 dos 8 lotes nos que está dividido o contrato para a prestación do servizo de conservación e mantemento das estradas de titularidade provincial por un importe de 5,2M. 

Neste contrato inclúense todas as tarefas necesarias para a conservación e o mantemento das estradas, e para a atención de emerxencias, causas sobrevidas e consecuencias das inclemencias meteorolóxicas que afecten á rede viaria provincial.  Está dividido en 8 lotes, un por cada zona da rede de estradas, “co fin de poder actuar dun xeito máis áxil e eficaz, sobre todo tendo en conta a enorme rede de estradas coa que contamos, que, lembremos, é a máis extensa de toda España e tres veces maior ca da Xunta de Galicia na provincia de Lugo”, sinalou García Porto. 

Tras a adxudicación aprobada hoxe, queda o lote número 5 do contrato, correspondente aos concellos da Fonsagrada, Negueira de Muñiz, Ribeira de Piquín e Navia de Suarna, que quedou deserto, polo que se volverá a sacar a contratación, segundo explicou a Deputada. Así mesmo, lembrou que “a mellora da mobilidade é unha das liñas de actuación prioritarias deste Goberno provincial”, tal e como demostra que nos Orzamentos do ano 2022 suben de novo as partidas destinadas a estradas ata alcanzar os 17,3M€. 

 

Granxa Gayoso Castro

Por outra banda, a Xunta de Goberno licitou por un importe de pouco máis de 6.300€ o contrato para o subministro dunhas 25 toneladas de alfalfa para o gando equino da Granxa Gayoso Castro. O contrato terá unha duración dun ano e será prorrogable a dous máis. 

 

Remanentes do Plan Único

A Xunta de Goberno deu luz verde tamén á solicitude do Concello de Friol para destinar a novas obras os remanentes de actuacións do Plan Único do 2021 por un importe de 80.800€. En concreto, a Deputación de Lugo achegará máis de 48.000€ para pavimentar os accesos na parroquia de Carlín e preto de 32.500€, para os de Carballo, Friol e Recarei.