Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

A Deputación ilumina San Marcos de rosa polo Día Mundial Contra o Cancro de Mama

Deputación de Lugo
benestar
AECC
Día Mundial Contra o Cancro de Mama
Os deputados de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, de Promoción Económica e Social, e de Participación Cidadá asistiron aos actos conmemorativos celebrados na Praza Maior de Lugo

A institución provincial colabora coa AECC en Lugo cunha achega económica anual e financiou ademais o equipamento da nova sede da entidade

A Deputación de Lugo ilumínase de rosa no Día Mundial Contra o Cancro de Mama, que se celebra hoxe, en sinal de apoio ás mulleres que padecen esta doenza e as súas familias. A institución súmase con esta acción á campaña da Asociación Española contra o Cancro (AECC) para promover a concienciación sobre esta enfermidade, resaltar a importancia de acudir a controis e a probas para poder detectala a tempo, e reivindicar o investimento en investigación para avanzar no tratamento e curación.

Os deputados de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e de Participación Cidadá, Roberto García Pernas, participaron esta mañá nos actos organizados esta mañá na Praza Maior de Lugo.

A institución provincial colabora coa AECC en Lugo cunha achega anual de 6.000€ para apoiar o seu labor. A asociación conta na provincia de Lugo con oito traballadores: tres psicólogas, dúas traballadoras sociais, un logopeda externo, un coordinador de voluntariado e un responsable de marketing e comunicación.

Ademais, este ano, a AECC inaugurou na capital lucense un centro para mellorar a atención a enfermos e familiares nun  ambiente non hospitalario, ao que a Deputación de Lugo achegou 12.000€ para financiar o equipamento, como o equipamento de cadeiras, mesas, armarios, librarías, padiolas de exploración e diferentes accesorios imprescindibles para a posta en funcionamento destas instalacións.