Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación colabora cos Aturuxeiros de Bravos para a realización de actividades e encontros interxeracionais

Deputación de Lugo
turismo
Colaboración Aturuxeiros de Bravos
O Presidente e a representante do colectivo asinaron o convenio de colaboración a través do que a institución provincial achega 5.000€ para contribuír á organización dun encontro onde a veciñanza ten un papel participativo importante e se revitaliza esta parroquia

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a representante da ACRD Aturuxeiros de Bravos, María del Carmen Rivera, asinaron no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración a través do que a institución provincial contribúe cunha achega de 5.000€ á organización de actividades de convivencia interxeracionais. 

No marco do seu traballo, Aturuxeiros de Bravos organiza actividades e xornadas lúdicas con xogos, competicións, obradoiros e actuacións encamiñadas a promover a asistencia e a participación non só da xente da parroquia, senón tamén da veciñanza da comarca e dos visitantes que pasan as súas vacacións na Mariña. A Deputación de Lugo contribúe así á dinamización social, ao fomento da convivencia e a manter viva a cultura. 

O programa inclúe xogos tradicionais, actuacións de maxia, obradoiros, campionatos, e posta en común e recollida de tradicións, oficios e curiosidades da historia da parroquia de Bravos. “Estas actividades ademais de ser únicas tamén son necesarias, sobre todo nos tempos que vivimos, onde as medidas de prevención da Covid-19 nos manteñen máis illados e sen viaxar”, indica o mandatario provincial.  

A axuda da institución provincial destínase ao alugueiro do equipo electróxeno necesario, contratación do servizo de autobús que recolle á veciñanza, adquisición de trofeos para as competicións deportivas, compra de recordos para os participantes e material de desinfección e limpeza. 

 

A asociación 

A asociación cultural, recreativa e deportiva Aturuxeiros de Bravos fundouse no ano 2014 froito das inquedanzas dun grupo de veciños e veciñas e amigos de todas as idades que teñen raíces na parroquia de Bravos, en Ourol. O seu obxectivos son dinamizar a parroquia e tentar ofrecer maneiras de unir á veciñanza para poñer en valor a tradición e a cultura deste municipio, á vez que se dá a coñecer ao resto da cidadanía os valores e principios da localidade.