Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

A Deputación adxudica equipamento do centro de maiores de Navia de Suarna por 186.000€

centro de maiores
Navia de Suarna
Trátase dos lotes correspondentes ao mobiliario xeral; equipos médicos, xogos e material pedagóxico e axudas técnicas; e pequenos electrodomésticos e material de limpeza. Quedan pendentes os de lavandería e cortinaxe para completar a dotación

A Xunta de Goberno aprobou a adxudicación de novas obras de mellora da rede provincial de estradas por un importe conxunto de 245.000€

A Deputación de Lugo aprobou na Xunta de Goberno deste venres a adxudicación de 3 dos 5 lotes que conforman o contrato para dotar de equipamento ao Centro de Atención a Maiores de Navia de Suarna. En concreto, adxudicáronse por un total de 186.000€ os lotes correspondentes ao mobiliario xeral; equipos médicos, xogos e material pedagóxico e axudas técnicas; e pequenos electrodomésticos e material de limpeza.

A voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, informou de que coa adxudicación destes tres lotes, quedan dous pendentes: o de lavandería, que está pendente de que a empresa proposta como adxudicataria presente a documentación necesaria; e o de cortinaxe, que se volverá a sacar a contratación tras quedar deserto. “A nosa previsión é abrir a residencia de Navia de Suarna a finais deste ano”, lembrou Porto.

Seguindo o modelo residencial da institución provincial, o de Navia de Suarna será un centro de pequeno tamaño que contará con 30 prazas de residencia e 20 de centro de día. A día de hoxe a Deputación de Lugo ten en marcha centros en Trabada, Ribadeo, Pol, Fonsagrada, Castroverde e Pedrafita do Cebreiro e prevé abrir o de Meira nas vindeiras semanas.

Melloras na rede de estradas provinciais

A Xunta de Goberno aprobou tamén a adxudicación de obras de mellora en tres estradas  da provincia por un importe conxunto que alcanza os 245.000€.

Na estrada LU-P-4701, que conecta A Pobra do Brollón con Folgoso do Courel por Parada dos Montes, a Deputación acondicionará preto de 19 quilómetros de vía por un total de 87.000€. “Esta actuación, que ten un prazo de execución de 4 meses, é importante porque se trata dunha estrada que dá servizo ó Xeoparque Montañas do Courel, e  que mellorará os accesos a varios núcleos rurais, en concreto, os de Baldomir, Vilamor, Froxán ou Salcedo”, asegurou García Porto.
Na estrada LU-P-4702, que conecta Vilachá coa Estación de Pobra do Brollón por Rozabales, a voceira socialista informou de que se acometerá un proxecto para a mellora de 8 quilómetros por 82.300€. Estas obras, con tres meses de prazo, mellorarán as comunicacións dos veciños e veciñas de Vilachá, Salvadur, Airexa e Salgueiros. 

Así mesmo, na estrada LU-P-5705, que é a que conecta Mazadoiro e San Martiño da Torre, entre Sarria e O Páramo, a Xunta de Goberno aprobou a adxudicación da súa mellora nun tramo de 5 quilómetros por un importe de 75.700€ e un prazo de execución de 9 meses. Esta estrada conecta uns 15 núcleos da comarca de Sarria e dá acceso a diferentes explotacións agrícolas e gandeiras, polo que as obras supoñerán un beneficio importante para a veciñanza.

Polígono de Cospeito

A Xunta de Goberno aprobou tamén a modificación do proxecto de urbanización do polígono industrial de Cospeito, que a Deputación está acometendo cun investimento próximo aos 1,3M€. Trátase dunha modificación que non varía este orzamento inicial e que consiste, por unha banda, na substitución das luminarias por unidades LED, con maior eficiencia enerxética e capacidade lumínica, e por outra, na dotación dunha conexión directa coa glorieta existente na entrada da localidade de Feira do Monte, co que se mellorará a accesibilidade ó polígono.

“Quero recordar que o Presidente da Deputación, José Tomé Roca, decidiu reactivar as obras para a creación deste parque empresarial, cumprindo así co compromiso adquirido pola institución provincial cos veciños e veciñas de Cospeito para crear unha infraestrutura demandada polo tecido empresarial e que contribuirá a dinamizar a economía deste concello”, apuntou a voceira socialista.

Granxa Gayoso Castro

A sesión provincial aprobou tamén a adxudicación do contrato para o subministro de medicamentos, material sanitario e outros produtos de uso veterinario para a xestión  sanitaria da Granxa Gayoso Castro, por un importe de 26.800€ e un prazo de un ano, prorrogable por outro. 

Reservas da Biosfera Terras do Miño e Ancares Lucenses

A Xunta de Goberno tamén aprobou a resolución definitiva da concesión de subvencións en réxime de concorrencia competitiva destinadas a entidades asociativas sen ánimo de lucro das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Ancares Lucenses para o desenvolvemento e posta en valor do patrimonio natural, cultural e paisaxístico destes territorios na anualidade 2021.

Trátase dunha nova liña de axudas a través da cal a Deputación de Lugo concedeu un total de 83.000€ a 23 entidades que traballan nestes espazos protexidos e que teñen como obxectivo o desenvolvemento sostible do territorio.

Control de calidade

A Xunta de Goberno tamén deu luz verde á licitación do contrato para a prestación do servizo de control de calidade das obras e actuacións da Deputación de Lugo por un importe de 175.000€ e por unha duración de dous anos, prorrogables por outro máis.