Cooperación concellos
Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación anuncia un investimento de 100.000€ en Viveiro para solucionar os problemas estruturais do paseo marítimo

Deputación de Lugo
Viveiro
Convenio paseo marítimo de Viveiro
José Tomé Roca asinou coa Alcaldesa viveirense, María Loureiro, un convenio de colaboración a través do que a institución provincial achega o financiamento necesario para acometer a actuación que garantirá a seguridade e recuperar plenamente este entorno emblemático. O Concello achega 15.611€

O Presidente subliñou que as obras, que licitará e acometerá a entidade local, resolverán o deterioro causado polo basculamento do muro cara o mar, no tramo que se sitúa entre o quiosco e o Conservatorio de Música

O mandatario provincial reiterou o seu apoio e solidariedade cara os traballadores e traballadoras afectados polo anuncio do peche de Vestas, así como cara as súas familias e o Concello de Viveiro, e esixiu á Xunta un plan de reindustrialización para A Mariña e para toda a provincia de Lugo

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou este xoves coa Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, un convenio de colaboración a través do que a institución provincial achega ao Concello 100.000€ para acometer o proxecto que solucionará os problemas estruturais que presenta unha parte do paseo marítimo, un proxecto que leva tempo pendente de solución. O Concello achegará pola súa banda 15.611€. 

José Tomé subliñou que esta colaboración económica con Viveiro é unha nova mostra do compromiso “que temos na Deputación co Concello e cos seus veciños e veciñas”, e que, sumada a outros investimentos, como o realizado a través do Plan Único, fai que a achega total transferida á entidade local mariñá se sitúe neste 2021 en torno aos 800.000€.

O convenio para o arranxo do paseo marítimo “é un claro exemplo dos bos resultados que ten para a cidadanía a colaboración entre administracións”, explicou o Presidente, pois a Demarcación de Costas, dependente do Estado, elaborou o proxecto; a Deputación de Lugo aporta o financiamento necesario para acometelo, e o Concello de Viveiro encárgase de licitar e executar as obras. “Sei que a Alcaldesa leva moito tempo preocupándose e pelexando por darlle unha solución a este problema do paseo marítimo, e para min é unha satisfacción poder colaborar dende a Deputación para que poida facelo e ofrecer, deste xeito, mellores servizos aos seus veciños e veciñas”, engadiu o mandatario provincial. 

Tomé Roca detallou que esta actuación servirá para resolver o deterioro causado polo basculamento do muro cara o mar, no tramo que se sitúa entre o quiosco e o Conservatorio de Música. “As obras van permitir corrixir eses defectos, garantir a seguridade e recuperar plenamente un entorno emblemático para uso e desfrute dos veciños e veciñas de Viveiro, e para os moitos visitantes desta cidade que se ten consolidado como un importante destino turístico”, indicou.

O Presidente lembrou que o paseo marítimo de Viveiro “é un lugar de ocio e convivencia privilexiado, tamén un espazo para a celebración de actividades musicais ou culturais de todo tipo”. De feito, a propia Deputación celebrou en agosto neste entorno unha das xornadas do programa Saborea a túa provincia, dirixido a incentivar o consumo de produtos de proximidade e apoiar a economía local fronte ó impacto da pandemia.

O acto de sinatura do convenio tivo lugar no propio paseo, e, ademais do Presidente e da Alcaldesa vivariense e Deputada de Muller e Igualdade, contou coa presenza do Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, o Deputado de Participación Cidadá, Roberto García Pernas, de concelleiros e concelleiras do Goberno local, e de veciños e veciñas de Viveiro.

 

En que consisten as obras

O proxecto contempla a reposición do tramo existente que está deteriorado, executando primeiro un baleirado e saneamento para proceder a reencher con materiais acordes e resistentes. Para o deseño da solución proposta tívose en conta a protección e a reposición do paseo existentes, é dicir, os condicionantes de deseño actuais en canto a dimensións e acabado. 

Primeiramente faranse os movementos de terras e traballos previos e estenderase a base do pavimento. Logo, estenderase o pavimento dos adoquines e das lousas, e instalaranse os sumidoiros e a dotación eléctrica para o alumeado público. 

 

Apoio aos traballadores de Vestas

No acto de sinatura do convenio de colaboración para solucionar os problemas estruturais do paseo marítimo, o Presidente aproveitou para reiterar o apoio e solidariedade, tanto en nome propio como no da Deputación, cos traballadores e traballadoras afectados polo anuncio do peche da planta de Vestas no municipio, así como coas súas familias, e co Concello de Viveiro.


Así mesmo, lembrou que dende a Deputación de Lugo “reclamamos que a Xunta de Galicia busque alternativas para manter o emprego e que impulse xa, de inmediato, un plan de reindustrialización para a comarca da Mariña e para toda a provincia de Lugo. Facelo é a súa obriga, porque, por Lei, segundo o Estatuto de Autonomía, é a Administración que ten as competencias en materia de industria”.


O Presidente lembrou que este pasado martes convocou unha Xunta de Voceiros e Voceiras na que os tres grupos políticos da Corporación provincial acordaron por unanimidade unha Declaración Institucional na que rexeitan a decisión de Vestas e se comprometen a traballar para paliar o antes posible o efecto desta decisión empresarial, tan negativa para os veciños e veciñas da provincia de Lugo.