Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

O Presidente leva a Pleno a aprobación do convenio para construír o Centro de Atención a Maiores de Pantón por 1,7M€

centro de maiores
Pantón
Abordarase na sesión ordinaria do vindeiro martes e contempla unha achega de 1,4M€ por parte da Deputación de Lugo e de 300.000€, polo Concello

José Tomé cumpre co compromiso co Concello e cos veciños e veciñas da localidade cun paso que resulta determinante para construír o centro, que se levantará no centro de Ferreira e contará con entre 30 e 39 prazas, en función da ocupación

A institución provincial ten a día de hoxe en funcionamento 6 residencias -en Trabada, Ribadeo, Pol, A Fonsagrada, Castroverde e Pedrafita do Cebreiro-, e prevé abrir nas vindeiras semanas a de Meira e a finais de ano a de Navia de Suarna

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, levará ao Pleno ordinario deste mes de setembro, que se celebrará o vindeiro martes, a aprobación do convenio de colaboración entre a institución provincial e o Concello de Pantón para a construción do Centro de Atención a Maiores desta localidade por un importe de 1,7M€. En cinco anualidades, a Deputación aportará 1,4M€ e a entidade local 300.000€ para construír e poñer en marcha esta dotación social nun terreo situado no centro de Ferreira de Pantón.

A residencia terá capacidade para entre 30 e 39 prazas, distribuídas en 18 habitacións dobres e 4 individuais, máis 3 prazas en enfermaría.

O Presidente subliñou que, con este acordo, que supón un paso determinante para a creación da residencia de Pantón, “queda demostrado de novo que na Deputación de Lugo cumprimos co compromiso adquirido co Concello e cos veciños e veciñas de facer unha residencia, que traballamos para os 67 concellos da provincia por igual, sexan da cor política que sexan, e que seguimos criterios obxectivos e sen sectarismos”. 

Neste sentido, o Presidente lembrou que cando tomou posesión, en xullo de 2019, encargouse de formalizar o compromiso que existía co Alcalde de Pantón de construír un Centro de Atención a Maiores neste concello asinando ese mesmo ano un protocolo de colaboración, momento a partir do que a Deputación comezou a traballar na redacción do proxecto, que foi presentado aos veciños e veciñas o pasado mes de xuño nun acto público celebrado na Casa da Cultura da localidade. 

Nese momento, José Tomé avanzou xa que estaba traballando para aprobación do convenio, unha proposta que eleva ao Pleno do vindeiro martes.

A residencia de Pantón ofrecerá un servizo público asistencial de calidade e personalizado aos maiores, favorecendo o seu arraigo, ademais de crear emprego sostible no rural.

O proxecto da residencia de Pantón foi o primeiro da Rede Provincial de Centros de Atención a Maiores que se elaborou integramente contando co asesoramento do Servizo de Benestar da Deputación.  “Isto ten a vantaxe de que se incorporaron todas as melloras que se foron detectando grazas á experiencia conseguida nas residencias que xa temos en funcionamento”, afirmou Tomé Roca. 

“Será moi acolledora, tanto pola súa situación, en pleno centro de Ferreira, o que permitirá que os usuarios vivan plenamente integrados co resto da veciñanza, como polo seu deseño, pensado por e para as persoas, de tal xeito que favorecerá unha atención personalizada e unha convivencia agradable”, destacou sobre a nova dotación social.

Así mesmo, a residencia desta localidade da Ribeira Sacra creará emprego e actividade económica. Aos en torno de 25 postos de traballo directos que xerará o centro, hai que sumar o emprego indirecto e o retorno económico que o funcionamento deste servizo terá para os negocios locais, tales como a farmacia, comercios, supermercados, hostalería ou produtores de alimentos. 


Un modelo asistencial propio

A Deputación de Lugo ten na actualidade seis centros de atención a maiores abertos -en Trabada, Pol, Ribadeo, A Fonsagrada, Castroverde e Pedrafita do Cebreiro-, e poñerá en marcha o de Meira nas vindeiras semanas e o de Navia de Suarna antes de finalizar o ano. Ademais, neste 2021 presentou o proxecto da residencia da Pontenova, cuxas obras xa están en proceso de licitación, adxudicou a construción das instalacións da Pobra do Brollón e asinou o contrato para levantar as de Portomarín.

Seguindo o modelo asistencial da Deputación, o Centro de Atención a Maiores de Pantón será público, explicou o Presidente, co que “o único obxectivo será prestar a mellor atención posible ás persoas que vivan nel, que se sintan como na súa casa”. “As residencias da Deputación están centradas nas persoas, non buscan o negocio, aquí non hai beneficio empresarial, o único beneficio vai ser para as persoas”, afirmou.

O modelo da Deputación garante que calquera persoa, independentemente da súa situación económica, poida acceder ás prazas porque os usuarios pagarán en función da súa capacidade económica. Así mesmo, as residencias da Deputación favorecen o arraigo porque son centros de pequeno tamaño, con traballadores que normalmente son do propio concello ou da zona, e que están plenamente integradas no día a día das vilas nas que se asentan.

Características

O Centro de Atención a Maiores de Pantón da Deputación de Lugo terá capacidade para entre 30 e 39 prazas, distribuídas en 18 habitacións dobres e 4 individuais, máis 3 prazas en enfermaría. Todas as habitacións serán accesibles e amplas, e contarán con cuarto de baño propio. 

O deseño repara no cumprimento de barreiras arquitectónicas e está configurado nunha edificación onde prima a luminosidade e a iluminación natural con grandes zonas acristaladas, tanto nos dormitorios coma nas salas e zonas comúns. O edificio constará dunha planta semisoto, unha planta baixa, dúas plantas altas e un ático.

No semisoto situarase unha sala de estimulación multisensorial, despachos para o persoal, vestiarios e almacéns. A planta baixa é a de acceso principal. Albergará o comedor, a cociña, a zona de administración e dirección, salas de convivencia e de actividades, así como cuartos de baños. As dúas plantas superiores acollerán as habitacións cos seus correspondentes cuartos de baño, ademais de almacéns e locais de limpeza. No ático está a zona de lavandería, locais das instalacións e almacéns. 

O edificio terá unha alta eficiencia enerxética. Case toda a enerxía necesaria para a auga quente sanitaria procederá de fontes de enerxías renovables ou aproveitando o calor residual. Ademais, irá moi ben illado, o que fará que teña un consumo case nulo.