Medio Rural e do Mar, Mocidade
Deputación de Lugo

En marcha as xornadas de silvopastoreo e desenvolvemento rural "O que non arde", organizadas por Medio Rural en Casa Quindós

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
medio rural
Mónica Freire
DESENVOLVEMENTO RURAL
CASA QUINDÓS
Navia de Suarna
ÓLIVER LAXE
Mónica Freire sinalou “a necesidade de visibilizar iniciativas sostibles e viables, que poñen en valor o rural, para que se repliquen noutros lugares”

A deputada Mónica Freire inaugurou as Xornadas de Silvopastoreo e Desenvolvemento Rural “O que non arde”, que se desenvolven desde este venres ata o domingo en Vilela, no concello de Navia de Suarna.

Na presentación, a responsable provincial encadrou a organización do encontro nas liñas de traballo da área de Medio Rural, “con numerosas iniciativas encamiñadas á prevencion de incendios e á posta en valor do potencial produtivo do rural”.

 “Nese marco, quixemos financiar e dar soporte a estas xornadas, e traelas aquí, a Navia de Suarna, á comarca de Ancares, porque coñecemos de primeira man moitas das iniciativas que se están a desenvolver aquí ao redor do sector primario e cremos que apoialas e proxectalas contribuirá a que se repliquen noutros lugares”, explicou durante a intervención inaugural, na que estivo acompañada por Eloi Villada, socio da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, e por Óliver Laxe, anfitrión do encontro.

As xornadas estanse a desenvolver en Casa Quindós, unha antiga casa de labranza, rehabilitada por Laxe en Vilela, co obxectivo de acoller accións de desenvolvemento rural.  O recoñecido cineasta celebrou que “as xornadas promovidas pola área de Medio Rural da Deputación de Lugo sexan a primeira actividade en desenvolverse neste espazo”, que pretende actuar como dinamizador doutras iniciativas dos sectores agrogandeiro, turístico, sociocomunitario e ambiental na zona e contribuír a atopar solucións fronte ás variadas problemáticas que encara a montaña lucense.

Os relatorios da primeira xornada tiveron como eixo de debate as políticas públicas de incorporación ao rural, coas intervencións de Neus Monllor,  consultora agrosocial e coordinadora da Red de Espacios Test Agrarios, que agrupa proxectos ligados ao relevo xeracional e a creación de emprego estable no sector primario en diferentes puntos do Estado, e de Mireia Font, xerente do Consorci GAL Alt Urgell – Cerdanya.

Ademais das conferencias das expertas, durante a maña desenvolveuse unha mesa redonda centrada nos plans de incorporación de activos, coas intervencións de Pablo Iglesias, xefe do Servizo de Explotacións Agrarias de Lugo, José Manuel Súarez, coordinador do Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias da Fundación Juana de Vega, e Manuel Redondo,  membro da Asociación Intermunicipal Territorios Reserva Agroecológicos Red Terrae, que coincidiron na necesidade de afondar no seguimento e acompañamento dos novos proxectos no rural a fin de contribuír á viabilidade do modelo de negocio e a súa continuidade no tempo.

Pola tarde, o encontro continuou coas intervencións de Fernando García Dory, que expuxo a experiencia da Escola de Pastoreo de Picos de Europa na recuperación do manexo tradicional do gando, das súas implicacións ambientais e das súas manifestacións culturais, e do apicultor Alberto Uría,  que centrou a súa exposición na súa experiencia de volta ao rural para retomar unha actividade tradicional coa que “produce mel e crea paisaxe”, distribuíndo as colmeas en pequenos grupos para facilitar a convivencia entre a actividade produtiva e a biodiversidade da zona.

A xornada concluíu coa mesa redonda “Novos poboadores da montaña e iniciativas empresariais na montaña”, coas intervencións do permacultor Pascal Encinga, do gandeiro da cooperativa A Carqueixa David de Poso, do apicultor Hugo Santín, dos viticultores Héctor e José Álvarez, dos produtores da cervexa artesá Colmo Manuel Guitiérrez e Mireia Rodríguez e de Ana Díaz, que falou do rural como espazo para o teletraballo a partir da súa experiencia como traballadora de Arela Comunicación Sostible desde as Pontes de Gatín, no concello de Becerreá.