Axenda Institucional
Deputación de Lugo

A Comisión de Deputacións da FEMP acorda, a proposta do Presidente, solicitar que haxa fondos europeos para mellorar a mobilidade no rural

FEMP
Almería
Comisión de Deputacións
José Tomé defendeu que estes recursos que chegan de Europa deben contribuír a “asegurar unhas boas comunicacións entre os concellos rurais e entre estes e as zonas urbanas, algo fundamental para o desenvolvemento equilibrado do territorio, para a igualdade de oportunidades, e polo tanto, para manter a poboación”

O Presidente participou na reunión do órgano que integra aos gobernos locais intermedios da Federación Española de Municipios e Provincias celebrada este venres en Almería, á que asistiron máis de trinta dirixentes provinciais de todo o país

Tomé Roca asegurou que “só coa participación dos concellos e das deputacións nos fondos de Europa se conseguirá que estes recursos cheguen realmente ao territorio, que respondan ás necesidades da cidadanía e do tecido produtivo, e que teñan unha verdadeira capacidade transformadora, como é o seu obxectivo”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou no pleno da Comisión de Deputacións Provinciais, Cabidos e Consellos Insulares da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) celebrado este venres na sede da institución provincial de Almería, un encontro no que se acordou, a proposta do propio mandatario lucense, que a FEMP solicite e negocie co Goberno central que se habilite dentro dos fondos europeos para recuperación da pandemia da Covid-19 a posibilidade de destinar recursos á mellora da mobilidade no rural, ampliando a actual disposición, encamiñada fundamentalmente a entornos urbanos.

Tomé Roca expuxo a situación da provincia de Lugo, na que a Deputación ten ao seu cargo 4.200 quilómetros de estradas, a rede máis extensa de España, subliñando que que os fondos de Europa deben contribuír a “asegurar unhas boas comunicacións entre os concellos rurais e entre estes e as zonas urbanas, algo fundamental para o desenvolvemento equilibrado do territorio, para a igualdade de oportunidades, e polo tanto, para manter a poboación”. 

A trintena de presidentes e presidentas que acudiron á reunión da FEMP estiveron de acordo na proposta formulada polo Presidente, que será agora incorporada ás conservas e negociacións desta organización co Goberno central para o desenvolvemento dos fondos europeos.

Neste sentido, o Presidente defendeu que as administracións locais -deputacións e concellos- teñan un papel central na dotación e na xestión destes recursos. No seo da Comisión aprobouse de feito por unanimidade un manifesto no que as deputacións solicitan que os gobernos locais e os gobernos locais intermedios sexan aliados estratéxicos no desenvolvemento dos fondos e nas iniciativas vinculadas á recuperación, e, en concreto, no despregue dos Next Generation, e que se garanta unha dotación económica dos mesmos.

“Só así conseguiremos que estes recursos cheguen realmente ó territorio, que respondan ás necesidades reais da cidadanía e do tecido produtivo, e que teñan unha verdadeira capacidade transformadora, como é o seu obxectivo”, subliñou o Presidente, “porque as administracións locais son as máis próximas ós veciños e veciñas, polo que son as que mellor coñecen a súa realidade e as súas necesidades”. Así mesmo, as deputacións, como demostraron durante a pandemia e como o fan cada día coa súa xestión, “xogan un papel imprescindible de cooperación cos concellos, sobre todo cos máis pequenos, favorecendo a cohesión social e o equilibrio territorial”, asegurou José Tomé.

Neste sentido, o Presidente subliñou que a Deputación de Lugo e en xeral as institucións provinciais “fixemos fronte de maneira eficaz ó impacto da pandemia, sen ter experiencia en situacións de emerxencia coma esta, e a pesar de non contar con ningún recurso económico extraordinario, como si recibiron tanto o Goberno central como as comunidades autónomas, no noso caso, a Xunta de Galicia”.

José Tomé reivindicou por todo isto que a FEMP siga negociando co Goberno central que as administracións locais teñan un papel estratéxico no desenvolvemento dos fondos, pero tamén destacou a necesidade de que as comunidades autónomas, no caso de Galicia, a Xunta, garanta a cogobernanza cos concellos e coas deputacións no deseño dos plans e iniciativas financiadas cos fondos europeos e a súa participación na dotación e na xestión destes importantes recursos económicos, algo que ata o momento non está ocorrendo, pois non se está dando ningún tipo de colaboración da administración autonómica coas entidades locais neste eido.

Conferencia de Presidentes e Presidentas de deputacións

Por outra banda, no Pleno da Comisión de Deputacións, Cabidos e Consellos Insulares celebrado hoxe en Almería acordouse a celebración da V Reunión de Presidentes e Presidentas de Deputacións no vindeiro mes de maio en Valencia. O encontro será organizado por primeira vez en coordinación entre a FEMP e a Fundación Democracia e Goberno Local -a entidade que ata o de agora o organizaba en solitario-, e servirá para que as institucións provinciais aborden necesidades e problemas conxuntos, como é o caso do reto demográfico, entre outros.

Tras a reunión da Comisión de Deputacións deste venres, a seguinte celebrarase no mes de xaneiro na provincia de León.