Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación colabora coa APEHL para impulsar o asociacionismo das empresas turísticas da Ribeira Sacra

A Xunta de Goberno aprobou cun convenio de colaboración coa Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo por 20.000€ para contribuír á mellora do funcionamento do colectivo na zona sur e ampliar e mellorar así a oferta turística desta comarca

“Este apoio enmárcase na nosa relación de diálogo e de colaboración permanente cos sectores produtivos, nomeadamente con estratéxicos, como é o de servizos, que constitúe unha fonte de riqueza e de emprego moi importante na nosa provincia”, subliñou Pilar García Porto

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres un convenio de colaboración coa Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (APEHL) por 20.000€ co obxectivo de contribuír ao fomento do asociacionismo no sector turístico e gastronómico, e para o mantemento da sede que o colectivo ten na Ribeira Sacra. 

A voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, enmarcou este apoio “na nosa relación de diálogo e de colaboración permanente cos sectores produtivos, nomeadamente con estratéxicos, como é o de servizos, que constitúe unha fonte de riqueza e de emprego moi importante na nosa provincia”, explicou. García Porto indicou que “a Ribeira Sacra é un territorio en auxe e cun gran potencial turístico debido ao seu altísimo valor medioambiental e cultural. A UNESCO acaba de declarar a Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel como Reserva da Biosfera, un recoñecemento que supón unha gran noticia para esta comarca e para o conxunto da provincia de Lugo polas oportunidades que abre para impulsar a conservación do medio ambiente e o desenvolvemento social e económico do territorio”. 

Con esta contía a APEHL pretende crear unha estrutura de funcionamento que permita mellorar e ampliar a oferta turística desta zona. “O obxectivo é lanzar unha campaña de fomento do asociacionismo entre empresas que prestan servizos turísticos na Ribeira Sacra e, deste xeito, seguir traballando nesta liña de aproveitar os inmensos recursos da zona para dinamizar o tecido produtivo e, polo tanto, a economía”, concretou a Deputada. 


Estrada de San Acisclo
A Xunta de Goberno tamén aprobou os acordos aos que chegou a Deputación cos titulares de dúas fincas necesarias para acometer as obras de mellora e ampliación da estrada LU-P-0210 que une A Seara, en alfoz, con San Acisclo, no concello de Foz. Trátase dun “paso moi importante porque é o último escollo que faltaba por resolver para poder comezar a executar o proxecto”, explicou a voceira provincial socialista.

Os traballos, que se levarán a cabo entre os puntos quilométricos 5,1 e 5,3, consistirán na ampliación e acondicionamento da vía con aglomerado en quente, así como na dotación de iluminación e beirarrúas. Deste xeito, completarase a renovación da totalidade desta estrada, xa que no resto dos tramos xa foi ensanchada e acondicionada. 
“Con estas obras, resolvemos un problema de seguridade, pois actualmente a vía é moi estreita neste treito e está deteriorada, dificultando a condución”, asegurou Pilar García Porto, quen resaltou que a actuación “beneficiará a numerosos veciños e veciñas porque se trata dunha estrada que soporta moito tráfico, ao ser unha das vías que une Foz con Alfoz, sendo o camiño máis corto para chegar á costa”.