Deputación de Lugo
Formación

A Deputación colabora coa 14ª edición do Máster en Dirección de Proxectos da EPS, que arrancou hoxe

USC
Campus Terra
Master Dirección de Proxectos
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo participou no acto de apertura da acción formativa, coa que a institución provincial colabora a través do convenio por 370.500€ asinado este ano coa USC para potenciar o Campus de Lugo

“É un acerto persoal e profesional apostar pola formación continua, por complementar os estudos superiores con cursos ou con masters coma este, que permiten manter a formación actualizada e adecuada ás últimas tendencias do mercado”, subliñou Pilar García Porto

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou este xoves na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría no acto de presentación do inicio do curso da 14ª edición do Máster en Dirección de Proxectos, unha formación coa que a institución provincial colabora a través do convenio por 370.500€ asinado este ano coa USC para potenciar o Campus de Lugo.

“É un pracer participar no posta en marcha desta nova edición do Master de Dirección de Proxectos, convertido xa nun referente da oferta formativa da Escola de Enxeñería e, xa que logo, do Campus de Lugo”, indicou a Deputada. García Porto deulle a benvida aos 23 alumnos e alumnas matriculados, e desexoulles o mellor nesta nova etapa que veñen de iniciar: “creo que é un acerto persoal e profesional apostar pola formación continua, por complementar os estudos superiores con cursos ou con masters coma este, que nos permiten manter a nosa formación actualizada e adecuada ás últimas tendencias do mercado”.

A Deputada cualificou a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría como “un centro de prestixio nunha das mellores universidades do mundo e nun enclave xeográfico como a provincia de Lugo, que demostra cada día que co bo traballo e coa aposta pola formación e a investigación, os lugares que antes se consideraban periferia, poden xogar un papel central”.

Respaldo ao Campus
A Deputada remarcou que a institución provincial seguirá mantendo unha colaboración “que naceu co propio Campus, e que nos ten convertido na administración provincial que maior grado de respaldo ofrece a unha Universidade pública no noso país”. 

Na súa intervención tamén lle agradeceu á vicerreitora e ao resto dos responsables académicos o seu traballo en favor do Campus Terra e a súa colaboración coas institucións e co tecido produtivo. Subliñou a distinción que lle fixo Times Higher Education á Universidade de Santiago de Compostela, ao situala entre as mellores universidades do mundo, incidindo en que “na súa valoración, mencionaba de xeito expreso a proxección internacional e a capacidade para a transferencia de coñecemento”.

“Penso que o Campus de Lugo é un excelente exemplo da ámbalas dúas cousas, un exemplo de relación con conxunto da sociedade, que parte do coñecemento do  local para conformar unha oferta formativa capaz de competir nun mercado global”, subliñou.

Neste acto tamén participaron a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo da USC, Montserrat Valcárcel, a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o director da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, Tomás Cuesta, e o coordinador do Máster, Carlos Amiama.