Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación incorpora un camión ao Parque Móbil Provincial para a conservación da rede viaria

Deputación de Lugo
Xunta de Goberno
A Xunta de Goberno aprobou por un importe de case 150.000€ a compra do novo vehículo, que se sumará á flota provincial para unha maior capacidade de actuación no mantemento e a conservación das estradas, tanto provinciais, como municipais

A institución achegará 22.500€ á Asociación de Mulleres Empresarias da Provincia para desenvolver o proxecto Punto de Acción TIC, destinado a mellorar a competitividade dos negocios aproveitando as novas tecnoloxías

A Deputación de Lugo aprobou na Xunta de Goberno deste venres a adxudicación por preto de 150.000€ do subministro dun novo camión para incorporar ao Parque Móbil Provincial. Así o anunciou o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, quen explicou que este novo vehículo -unha cabeza tractora cun semiremolque tipo bañeira- permitirá seguir mellorando no mantemento e na conservación das estradas provinciais, pero tamén nas municipais, pois a través do Parque Móbil a Deputación presta un importante servizo de cooperación cos concellos neste eido”. 

O Deputado lembrou que na actualidade a institución provincial xa conta con dous vehículos deste tipo, empregados para trasladar material, “e sumará este para unha maior eficiencia e unha maior capacidade de actuación para o mantemento e a conservación das estradas”.

A empresa adxudicataria do contrato de subministro do camión é Vehinva S.L., que conta cun prazo máximo de entrega de 240 días naturais.

Colaboración empresarial

A Xunta de Goberno tamén aprobou o convenio de colaboración coa Asociación de Mulleres Empresarias da provincia cunha achega de 22.500€ para aproximar ás empresarias da provincia ás novas tecnoloxías. Con este convenio, a Deputación financia o 95% do programa Punto de Acción TIC, que “axudará a converter os negocios en espazos máis competitivos no mundo online a través da mellora da web ou o uso de redes sociais e blogs”, destacou o Deputado.

Rivera Capón sinalou que se trata “dunha iniciativa que permitirá mellorar a situación de moitas empresas da provincia nun momento coma este, no que a crise da Covid-19 afectou especialmente a sectores como o comercio ou a hostalería”.