Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo
Infraestruturas

O Presidente asina o contrato para a construción da residencia de Portomarín, cun orzamento de 1,4M€

PORTOMARIN
centro de maiores
José Tomé subliña que a Deputación de Lugo “cumpre cos compromisos que temos adquirido cos lucenses para seguir acercando os servizos públicos ó rural”

O proxecto de Portomarín consiste na construción dun edificio de 2.200 m2 dividido en catro plantas, onde se ubicarán 13 vivendas tuteladas e un centro de día, cos correspondentes servizos comúns e comodidades adaptadas ás necesidades das persoas maiores

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, cumprindo co que xa avanzou a semana pasada, firmou este xoves na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos o contrato coa empresa que resultou adxudicataria das obras de construción do Centro de Atención a Maiores de Portomarín, Coto Estudios y Construcciones. O orzamento ascende a 1.430.000€ para construír 13 apartamentos tutelados e un centro de día.

“Asinamos este contrato dentro dos compromisos que temos adquirido cos lucenses para seguir acercando os servizos públicos ó rural, e dentro dun dos piares do Goberno da Deputación, como son os servizos sociais”, subliñou o Presidente, quen asegurou que a institución impulsa deste xeito unha dotación social que ofrecerá unha atención de calidade e favorecerá o arraigo dos residentes, pois poderán permanecer no lugar no que fixeron a súa vida, convivindo cos seus veciños e veciñas.

A parcela onde se van levantar estas instalacións conta con 800 m2 e foi cedida polo Concello de Portomarín. Está situada fronte á rúa Lugo, preto da Casa do Concello e nela construirase un edificio de 2.200 m2, que se dividirá en catro plantas. Haberá un soto para garaxe, unha planta baixa para o centro de día con capacidade para 28 persoas, un apartamento, comedor social e servizos comúns (Iavandería, zona de vixilancia, control e administración, entre outros); na primeira planta construiranse 8 apartamentos e na segunda, 4. Cada un deles contará cunha superficie de entre 55 e 62 m2. Dispoñen de zona de cociña, comedor e sala de estar, habitación dobre e baño adaptado. 

En dous anos: o dobre de prazas e de empregos
No que vai de mandato, o Goberno provincial duplicou o número de residencias da Deputación en funcionamento, pois ás de Trabada, Ribadeo e Pol, engadiu A Fonsagrada, Castroverde e Pedrafita do Cebreiro, duplicando polo tanto tamén o número de prazas asistenciais, ata chegar ás 180 existentes hoxe en día, e o número de postos de traballo directos, que son na actualidade de 150, aos que hai que sumar os empregos indirectos e o retorno económico que ten o funcionamento dos centros nos concellos nos que se radican. 

O seguinte centro en abrir será o de Meira e a finais de ano, o de Navia de Suarna. Para o 2022 está previsto poñer en marcha o de Ribas de Sil.

Así mesmo, dende o ano 2019, a Deputación, ademais de adxudicar e asinar o contrato das obras da residencia de Portomarín, adxudicou as da Pobra do Brollón, ten en licitación as da Pontenova, elaborou o proxecto construtivo do centro de Pantón e está ultimando o modificado do de Guitiriz.