Medio Rural e do Mar, Mocidade
Deputación de Lugo

Medio Rural asina un convenio co Concello de Barreiros para a compra dun tractor de desbroces

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÒN LUGO
medio rural
Mónica Freire
Concello de Barreiros
Desbroces
Plan de desbroce

A deputada de Medio Rural, Mónica Freire Rancaño, asinou un convenio de colaboración co Concello de Barreiros para a adquisición dun novo tractor de desbroce e mantemento de pistas municipais, incluíndo ademais do propio vehículo unha pala dianteira para traballos en firme e un brazo desbrozador para a limpeza de vexetación.

 

A deputada afirmou que “a limpeza e o mantemento da rede viaria contribúe a mellorar a seguridade nos accesos e comunicacións entre os núcleos de poboación, unha das principais demandas das localidades da provincia. A calidade das comunicacións e dos servizos públicos que se ofrecen no rural son claves para a fixación da poboación e a dinamización económica, obxectivos prioritarios que nos marcamos desde a área de Medio Rural”.

 

O convenio asinado pola deputada de Medio Rural, Mónica Freire, e a alcaldesa, Ana Ermida, ascende a 136.000 euros, dos que 129.000 son aportados pola entidade provincial e 6.800 polas arcas municipais de Barreiros.

 

Ana Ermida manifestou a súa satisfacción pola disposición da Área de Medio Rural da Deputación a atender esta demanda que a propia alcaldesa tamén trasladara ao Conselleiro de Medio Rural nunha visita a Barreiros, “á vista das necesidades detectadas nestes anos e con afán de mellorar o parque de maquinaria municipal”.

 

Neste senso, ambas entidades, provincial e local, valoran positivamente este convenio para contar con maquinaria nova e realizar unha xestión directa máis eficiente nos máis de 100 kms de vías municipais.

 

Esta adquisición de maquinaria e vehículos municipais súmanse á compra do 2019, tamén grazas á colaboración da Área de Medio Rural da Deputación para desbroces de áreas públicas e á adquisición de dous vehículos para o servizo de augas no ano 2020 con cargo ao Plan Único financiado pola Deputación.