Deportes e mocidade
Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo felicita á atleta lucense Adiaratou Iglesias pola medalla de ouro nos 100 metros T13

Adiaratou Iglesias vén de facerse coa medalla de ouro nos 100 metros T13 (discapacidade visual), unha boa nova que o Deputado de Deportes, Efrén Castro, quixo poñer en valor dando os parabéns á atleta lucense.

 

Lugo sitúase no cumio do medalleiro “cunha campioa paralímpica que acaba de dar unha lección de superación e sacrificio con este ouro do que nos sentimos plenamente orgullosos”, subliñou Castro en alusión a “unha provincia que está a celebrar a un tempo o debut e o éxito de Iglesias en Tokio, lugar do que volverá pola porta grande, como merece”.

 

Despois de acadar dúas pratas (100 e 200 metros) no Mundial de Dubai hai dous anos, así como a dobre coroa en 100 e 400 metros no Europeo, Iglesias sube outro chanzo ata a cima dos Xogos Paralímpicos. “Este éxito con sabor lucense lémbranos que mulleres como Adiaratou teñen detrás unha historia de loita por ter superado moitos obstáculos, circunstancia que a converte nunha referente lucense, galega e mundial”, afirmou Castro, considerando o ouro da atleta como “a confirmación do potencial que hai no noso territorio e a grande oportunidade que temos de ensinar ás xeracións mozas o importante que é o deporte, o compromiso, o esforzo e a constancia”.