Cooperación concellos
Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación investirá medio millón de euros na urbanización da rúa Costa do Castro de Foz

Deputación de Lugo
Foz
urbanización da rúa Costa do Castro de Foz
O Presidente asinou co Alcalde un convenio de colaboración a través do que a institución provincial achega o 80% do investimento necesario para acometer unha actuación urbanística “que suporá unha mellora de primeira orde en canto á mobilidade na trama urbana” da vila mariñana. O Concello achegará 116.000€

Grazas ao apoio económico da Deputación acometerase a renovación do firme da rúa, o soterrado do tendido eléctrico e a dotación de beirarrúas e alumeado, co que a veciñanza “poderá ir camiñando con comodidade e seguridade dende o centro de Foz ata o cemiterio, a residencia de maiores e ao barrio de Marzán”, destacou José Tomé

Esta colaboración demostra que a prioridade do Goberno provincial é a “cooperación cos concellos para que poidan ofrecer máis e mellores servizos públicos á cidadanía”

O mandatario provincial na súa visita á localidade asinou no Libro de Ouro, onde plasmou unhas palabras de “recoñecemento e compromiso” co municipio

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o Alcalde de Foz, Francisco Cajoto Caserío, asinaron este martes na vila mariñana un convenio de colaboración a través do que a institución provincial aporta ao Concello medio millón de euros para acometer a urbanización da rúa Costa do Castro, unha vella aspiración do Concello que se fará realidade despois de trinta anos. 

O acordo entre ambas administracións para levar a cabo esta actuación urbanística, que suporá “unha mellora de primeira orde en canto á mobilidade na trama urbana de Foz”, destacou o Presidente, recolle un investimento total de preto de 600.000€ en dúas anualidades, dos cales a Deputación aporta o 80%, isto é, 466.880€, e o Concello, o 20% restante, que ascende a 116.720€.

O acto de sinatura do convenio tivo lugar na propia rúa Costa do Castro, e contou coa presenza da Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, concelleiros e concelleiras do Goberno local e veciños e veciñas de Foz.

Grazas ao apoio económico da Deputación de Lugo, acometeranse unhas obras que consistirán na mellora do firme e a construción de beirarrúas, o soterrado do tendido eléctrico existente e a dotación do percorrido de alumeado público, combinando a calidade lumínica e a eficiencia enerxética.

O Presidente salientou que con esta obra a veciñanza “van contar cunha vía urbanizada, en boas condicións”, pola que poderán “pasear e desprazarse con comodidade e seguridade dende o centro da vila a servizos e lugares, como o cemiterio, a residencia de persoas maiores ou o barrio de Marzán”, ao tratarse dunha rúa que comunica este lugar e a Avenida Álvaro Cunqueiro, unha das arterias principais da localidade. 

O mandatario provincial asegurou que esta actuación “é un exemplo de colaboración entre administracións, entre a Deputación e o Concello, pero tamén demostra a boa xestión e a planificación do Concello de Foz, que traballa para avanzar na mellora das comunicacións, e polo tanto, na mellora da calidade de vida dos seus veciños e veciñas”.  

Compromiso con Foz

“O investimento que comprometemos dende a Deputación de Lugo para que a urbanización da rúa Costa do Castro sexa unha realidade, súmase, entre outras colaboracións, á aportación que facemos ó Concello a través do Plan Único, que é doutros 426.000 euros neste ano 2021, ou a mellora da estrada de San Acisclo, que xa está contratada e cuxas obras comezarán en breve. Penso que estas cifras son unha proba clara do compromiso que ten a Deputación de Lugo co Concello de  Foz, cos veciños e veciños desta terra, para mellorar os servizos públicos e para, deste xeito, mellorar a vida da xente”, manifestou o Presidente. 

Un compromiso con Foz “que tamén se produce co resto de concellos da provincia, porque a prioridade da Deputación de Lugo é esa: colaborar cos Concellos. Como xa temos acuñado, a Deputación de Lugo é o Concello dos Concellos. Un concello grande que colabora cos concellos da provincia para que poidan ofrecer máis e mellores servizos públicos á cidadanía”, explicou José Tomé.

Pola súa banda, Francisco Cajoto resaltou a importancia desta nova obra para Foz que “leva sendo moi esperada dende hai anos e que era moi necesaria debido ao alto volume de tráfico que soporta tanto a pé como rodado, polo que mellorar o firme e construír unhas beirarrúas contribuirá á mellora da seguridade viaria e a achegar o barrio de Marzán ao centro da vila”.

O Alcalde salientou que esta obra “forma parte da nosa política de humanizar, urbanizar e impulsar iniciativas sostibles no noso municipio, queremos que sexa unha vila sen barreiras arquitectónicas e onde se lle dea un maior protagonismo aos peóns, á vez que conviven co tráfico rodado”. Ademais, incidiu en que este proxecto se verá complementando con outro co que se atopan traballando con Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para a construción dunha terceira entrada á vila, ao conectar a N-642 co barrio de Marzán.  

O proxecto

O proxecto ten como obxectivo urbanizar a rúa Costa do Castro coa mellora do firme con aglomerado, dispoñendo dous carrís de circulación. Construiranse beirarrúas de 2 metros de ancho que respectarán a naturalidade desta zona, e disporanse prazas de estacionamento. Ademais, poranse pasos elevados para calmar o tráfico e farase a correspondente sinalización horizontal e vertical. 

Para a execución dos traballos será preciso realizar movementos de terras e demolicións para lograr o espazo necesarios para a construción de beirarrúas. Tamén se prevé a renovación das redes de saneamento, de abastecemento e da de telecomunicacións. O prazo de execución previsto dos traballos é de 8 meses. 

Sinatura no Libro de Ouro

O Presidente foi recibido no Concello de Foz polo Alcalde e unha representación do Goberno municipal. Tomé Roca asinou no Libro de Ouro onde plasmou unhas palabras de “recoñecemento e compromiso” ao municipio mariñano. Tomé Roca deixou escrita a seguinte mensaxe: “Nesta primeira visita institucional como Presidente da Deputación de Lugo ó concello de Foz, quero deixar neste Libro palabras de recoñecemento e de compromiso. De recoñecemento á historia e ó presente deste Concello, que mira cara o futuro coa ilusión que reflicte o seu escudo: un barco en boa singradura, xunto con árbores cargadas de froitos. Neste camiño de progreso, Foz conta e vai seguir contando coa colaboración da Deputación de Lugo en todas as iniciativas que melloren as condicións de vida dos focenses, especialmente nas relacionadas co acceso ós servizos públicos, coa mobilidade e co fomento do emprego, imprescindibles para garantir a igualdade de oportunidades de todos os veciños e veciñas. Coa miña gratitude, nunha fermosa mañá de verán baixo a incomparable luz da Mariña”.