Deputación de Lugo
Turismo

O autobús-cociña do Saborea a túa provincia encheu de gastronomía a Praza de San Marcos na súa última parada

saborea a tua provincia
Lugo
Este domingo concluíu o programa da Deputación en Lugo, logo de que percorrera a provincia levando tamén ás localidades de Viveiro, Burela, Lourenzá, O Valadouro, Vilalba, Guitiriz, A Fonsagrada e Láncara actividades gratuítas arredor dos produtos de proximidade

Nesta derradeira xornada cociñouse pataca do país con panceta, cogomelos, xema de ovo curada e migas de broa, ademais dunha sobremesa baseada nun biscoito de chocolate amargo e castaña, crema de Orujo de Galicia e xeado de queixo San Simón

Pola mañá responsables da Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia dirixiron unha charla divulgativa sobre as singularidades deste produto e do traballo que realizan dende o Consello Regulador

O programa incluíu a elaboración de receitas por parte de cociñeiros e cociñeiras da asociación provincial destes profesionais en Lugo, demostracións culinarias, degustacións, sorteos de produtos, conferencias, música e maxia

García Porto subliñou que “esta nova iniciativa serviu para promocionar e incentivar o consumo dos produtos de calidade da nosa terra, como fórmula para dinamizar a economía dos concellos e axudar na recuperación da hostalería, do turismo, do comercio e dos pequenos produtores”

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, xunto coa Concelleira de Cohesión e Dinamización Social do Concello de Lugo e tamén Deputada de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, participou este domingo na derradeira xornada do Saborea a túa provincia, que acolleu a Praza de San Marcos de Lugo. 

Ao longo do día realizáronse varias degustacións gastronómicas a cargo da asociación provincial de cociñeiros. Nesta ocasión púxose ao cargo dos fogóns o cociñeiro Pablo Vila Cano, do restaurante Oca de Santiago, e preparou pataca do país con panceta, cogomelos, xema de ovo curada e migas de broa, ademais dunha sobremesa baseada nun biscoito de chocolate amargo e castaña, crema de Orujo de Galicia e xeado de queixo San Simón. Dúas receitas que se deron a probar entre os asistentes nas degustacións gratuítas, á vez que tamén se puido desfrutar das actuacións do mago Rafa, da música de Xoglares de Lemos e da actuación de Jotinho’s. 

Ademais, as persoas que se uniron ao Saborea a túa provincia  participaron nos diferentes sorteos de lotes de produtos. Para os máis pequenos e pequenas da casa organizouse un obradoiro de cociña pola mañá, onde se converteron en auténticos chefs elaborando as súas propias receitas. 

Un apoio á economía local
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, lembra que esta acción “forma parte do Plan de Impulso da Economía da Provincia que temos en marcha na Deputación de Lugo e co que levamos implantando medidas ao longo da provincia para dinamizar a nosa economía e os sectores máis afectados polo impacto da pandemia, como son a hostalería, o turismo, o comercio local e os pequenos produtores”. 

García Porto incidiu en que “é un programa deseñado dende o prisma de que estamos atravesando unha pandemia, por iso son actividades seguras onde temos persoal supervisando o cumprimento das medidas, os participantes gardan a distancia, á vez que lle botamos unha man aos nosos produtores e comerciantes”. 

Balance positivo do Saborea
Pilar García Porto explica que o programa Saborea a túa provincia tivo moi boa acollida en todas as localidades nas que estivo este mes de agosto: Viveiro, Burela, Lourenzá, O Valadouro, Vilalba, Guitiriz, A Fonsagrada e Láncara. “Estamos satisfeitos porque a xente participou nas diferentes actividades que se programan, tanto nas pensadas para os pequenos da casa como nas degustacións e actuacións musicais. O balance é moi positivo”, apunta a Deputada de Promoción do Territorio e Turismo.

O recinto do Saborea instálase en puntos céntricos das vilas, “un feito que percibimos que anima tanto a veciños como visitantes a dar un paseo e desfrutar desta iniciativa, ata algúns repetiron en varias localidades”.

Explicou que dende un primeiro momento “se tiveron en conta as restricións e pautas indicadas polas autoridades sanitarias para cada municipio, reforzando incluso as medidas para controlar os aforos, acoutar o recinto e entregar envases individuais, primando sempre a seguridade dos participantes”. 

Saborea a túa provincia nace con vocación de continuidade “porque responde ó modelo de turismo polo que apostamos dende a Deputación de Lugo para favorecer o desenvolvemento socioeconómico da provincia: un turismo de calidade, sostible, non masificado, que pon en valor o patrimonio e que crea emprego, especialmente no rural”, explica Pilar García Porto.