Deputación de Lugo
Turismo

Saborea a túa provincia da Deputación exalta en Láncara os produtos de proximidade e o bo facer da cociña lucense

turismo
saborea a tua provincia
Láncara
A praza dos Labregos da Pobra de San Xiao recibiu este sábado o autobús-cociña desta iniciativa, arredor do que se realizaron actividades como degustacións gastronómicas, maxia, sorteos, música en directo e unha charla informativa sobre a galiña de Mos

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e o Alcalde de Láncara, Darío Piñeiro, participaron este sábado no programa da Deputación Saborea a túa provincia que acolleu a praza dos Labregos da Pobra de San Xiao, en Láncara. 

Durante toda a xornada sucedéronse as degustacións gastronómicas, a maxia do Mago Rafa, a música de Val de Láncara e de Jotinho’s, a cociña en directo, os obradoiros de cociña para os máis pequenos da casa e os sorteos. No autobús-cociña do programa, o cociñeiro Santi Almuíña do Mesón Colón (Nadela) cociñou galo de Mos en tres coccións con queixo San Simón, unha receita que explicou polo miúdo e da que deu a proba ás persoas asistentes. Así mesmo, dende a asociación de criadores da Galiña de Mos (AVIMÓS) ofreceron unha charla divulgativa sobre o traballo que se realiza dende o colectivo e as singularidades desta raza. 

O programa Saborea a túa provincia intégrase no Plan de Impulso da Economía da Provincia que lanzou a Deputación para apoiar e dinamizar os sectores máis afectados polo impacto da pandemia, como son a hostalería, o turismo, o comercio local e os pequenos produtores.