Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

Os Centros de Maiores da Deputación celebran o Día das Letras Galegas homenaxeando a Xela Arias

centros de atención a maiores
LETRAS GALEGAS 2021
XELA ARIAS
Os usuarios e traballadores das cinco residencias da institución provincial organizaron actividades, recitaron poemas da autora e compuxeron os seus propios textos ao longo de toda esta semana

Así mesmo, puxeron en marcha un conxunto de retos entre os distintos centros a través de vídeos nos que tiñan que bailar, cantar, facer deporte e demostrar o seu enxeño para completar un cartel conmemorativo que colgaron nos CAM

A rede de Centros de Atención a Maiores (CAM) da Deputación de Lugo conmemorou durante toda a semana o Día das Letras Galegas con actividades nas cinco residencias provinciais. Os usuarios e usuarias participaron nun conxunto de actividades que lles permitiron afondar e reflexionar sobre a figura de Xela Arias, a autora homenaxeada neste 17 de maio. 

Os CAM de Ribadeo, Trabada, A Fonsagrada, Pol e Castroverde recitaron poemas, escribiron as súas propias composicións, gravaron vídeos e realizaron caricaturas coa cara da autora.

Ao longo de toda a semana os residentes prepararon retos para propoñerlle aos seus homólogos que viven noutros centros da rede provincial. Uns retos que tiveron que superar e que unha vez feitos e enviados aos centros retadores, lles permitían conseguir un anaco do cartel do Día das Letras Galegas que debían debuxar e colorear para colgar na residencia. Os retos consistían en cantar, bailar, practicar deportes, gravar vídeos  e demostrar o seu enxeño. Ao final da semana, todos superaron os retos e lograron completar o cartel.

Estas actividades enmárcanse no calendario de actividades que, anualmente, se celebran nos centros provinciais e que permiten “ademais de manter o ánimo dos usuarios e usuarias, é un bo xeito de que exerciten a súa memoria, a capacidade de atención e a creatividade. Estas iniciativas propician o traballo en grupo e o sentimento de comunidade, xa que todos traballan como unha rede”, recoñece o Presidente da Deputación, José Tomé Roca.

Celebración no CAM de Trabada