Deputación de Lugo

A Deputación cede unha fonte de Francisco Pérez Porto para un novo parque na Piringalla

Lugo
piringalla
fonte

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participaron xunto á Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez e o concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, no acto de apertura dunha nova praza - xardín na confluencia entre as rúas Manuel María e Túnel de Oural, no barrio lucense da Piringalla.

O mandatario provincial explicou que a colaboración da Deputación pasou por cederlle ao Concello de Lugo "esta fermosa fonte creada por Francisco Pérez Porto para colocar nesta praza. Unha peza que pon en valor a figura das lavandeiras do Miño recorrendo a un material de tanta tradición en Lugo como é a cerámica, e que contribúe deste xeito a incrementar a presenza de referentes femininos no espazo público".

José Tomé puxo de manifesto que o organismo provincial “valora e comparte o modelo de cidade polo que aposta o Concello, unha cidade verde, sostible e que recupera, pon en valor e amplía os espazos públicos, porque os espazos públicos, como xeradores de convivencia e de benestar, resultan fundamentais para as sociedades democráticas. Estamos nunha praza que xurde como demanda dos propios veciños e veciñas. E paréceme moi importante facilitar canles para que os cidadáns aporten ideas para a modernización, a humanización e a mellora dos seus barrios e cidades", sostivo.

“Trátase dunha intervención, encadrada no Plan de Barrios, coa que dende o executivo local queremos dar resposta a unha reivindicación cidadá” sinalou a rexedora. “Con ela pretendemos mellorar a imaxe da contorna pero tamén crear novos espazos de lecer que favorezan a convivencia interxeracional nun momento no que, logo dun ano moi complexo, de distanciamento obrigado, xa podemos retomar as relacións sociais e o contacto coas nosas amizades e seres queridos mais con moita precaución aínda, sen descoidar a saúde. Polo que, estes lugares ao aire libre actúan como pequenos oasis dentro das cidades que nos permiten compatibilizar o ocio coa loita que aínda debemos manter contra o virus”, manifestou a alcaldesa.

Lara Méndez indicou, alén, que outro dos obxectivos aos que contribúe a creación desta nova praza é o de “poñer en valor a identidade propia xa que, a petición da Asociación Veciñal, Cultural e Deportiva San Isidro do Barrio da Piringalla, ten como eixo central unha fonte en homenaxe ás lavandeiras”.