Deputación de Lugo
Medio ambiente
Turismo

O Presidente presenta o proxecto do Parque Central de Galicia en Antas de Ulla

turismo
Antas de Ulla
Medio Ambiente
Tomé Roca explicoulle á veciñanza os detalles desta iniciativa de provincia nun acto que acolleu a Praza Nova da localidade, no que tamén participaron os Deputados Pilar García Porto e José Luis Raposo, e os técnicos que redactaron a proposta

A institución provincial quere poñer en valor o centro xeográfico de Galicia, que se atopa en Nugallás, na parroquia de San Fiz de Amarante, co obxectivo de que “sexa un revulsivo para a economía da comarca da Ulloa polo seu atractivo turístico, creando emprego e creando actividade económica”

O espazo natural contará con 45.000 m2 de extensión, e farase unha praza na que se levantará un monólito para representar o centro xeográfico, un edificio multiusos con varias dependencias e un templete para a resgarda e organización de actividades

Construirase un parque infantil, instalarase mobiliario e sinalización axeitada ao lugar, e adecuarase unha zona para estacionamento ao carón da estrada con capacidade para coches, bicicletas, motos e vehículos adaptados para persoas con mobilidade reducida

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e o Deputado de Medio Ambiente, José Luis Raposo, presentaron este sábado na Praza Nova de Antas de Ulla o proxecto do Parque Central de Galicia que a institución provincial creará no centro xeográfico de Galicia, que se sitúa en Nugallás, na parroquia de San Fiz de Amarante.  

Tomé Roca salientou que este “é un proxecto de provincia”, e detallou que o proxecto vai supoñer un antes e un despois para o Concello de Antas de Ulla, “porque imos poñer en valor un recurso natural moi importante coma este, que vai ser un revulsivo para economía de Antas e de toda a comarca da Ulloa pola súa capacidade de atracción turística, o que supón tamén unha aposta clara polo reequilibrio territorial, que vai ser útil para fixar poboación no rural, creando actividade económica e creando emprego”, concretou o Presidente. 
 
Palabras do mandatario provincial que se dirixiron á veciñanza presente, a quen lle indicou que quere “que se sintan orgullosos do seu parque, que o sintan como propio e o desfruten, sen deixar de ver a súa utilidade como motor da economía desta zona da provincia de Lugo”. “Este proxecto está motivado por unha proposta que fixo expresamente a Deputada Pilar García Porto e que eu respaldo porque me parece unha moi boa forma de facer provincia dende Antas de Ulla”, concretou Tomé Roca.

A presentación contou tamén coas explicacións dos técnicos encargados da redacción do proxecto, tanto dende o punto de vista das novas infraestruturas, da conservación da contorna con especies autóctonas, coma tamén dos espazos de estacionamento e accesibilidade. Un acto no que estiveron presentes, así mesmo, os deputados provinciais, os alcaldes e alcaldesas de Antas de Ulla, Monterroso e Palas de Rei, así como representantes das corporacións locais destes municipios da comarca da Ulloa e membros do Instituto de Estudos Ulloáns.  


Máis de 45.000 m2 de extensión

A Deputación de Lugo adquiriu un conxunto de parcelas na contorna na que se sitúa o centro xeográfico de Galicia para crear o Parque Central de Galicia, que contará con máis de 45.000 m2 de extensión.  Tomé Roca explicou que o proceso de compra das fincas a diferentes veciños e veciñas da comarca comezou coa localización dos propietarios para seguidamente formalizar as adquisicións ante notario. Uns pasos dos que a institución informou de maneira directa tanto ao Concello de Antas de Ulla coma ao Instituto de Estudos Ulloáns.

“Queremos poñer en valor a riqueza natural, a flora e as árbores do lugar e, ao mesmo tempo, promocionar a zona como reclamo turístico”, incidiu o Presidente. O espazo natural está formado por unha masa arbórea autóctona de carballos, bidueiros e pinos do país que se van conservar dado o seu importante valor ambiental.

A zona de acceso ao Parque Central contará cun pórtico de entrada visible dende a estrada provincial LU-0301, en Nugallás. No lugar no que se sitúa o centro xeográfico construirase unha praza na se levantará un monólito colocado xusto nas coordenadas 7º 54’ 38,99” W 42º 45’ 25,15 N, que indican a posición exacta do punto medio da superficie da comunidade autónoma galega. Ao seu lado dereito, construirase un templete, unha estrutura aberta polos laterais que servirá para resgardarse e para acoller actividades ao aire libre. Ao lado esquerdo do monólito, está prevista a construción dun edificio multiusos con varias dependencias que se poderán utilizar para o desenvolvemento de accións formativas, actividades culturais ou medioambientais, e reunións, entre outras. 

O proxecto da Deputación contempla a creación dun estacionamento paralelo á estrada provincial LU-P-0301, habilitando prazas con capacidade para que aparquen coches, autobuses, motos e bicicletas, incluíndo prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida.  

O Parque Central de Galicia incluirá numerosos sendeiros para goce e desfrute dos visitantes e persoas que se acheguen ata alí. Paseos por unha carballeira que Tomé Roca cualificou como “espectacular”, e que se atopa na superficie adquirida pola institución provincial. Nos terreos vaise traballar para rozar toda a maleza existente, cortar os eucaliptos e realizar entresacas e podas de ramas baixas. Ademais, tamén se efectuarán os labores precisos para que se poida sementar herba e manter nunhas condicións idóneas o conxunto da extensión da finca. 

Pensando en crear un espazo de ocio para as familias, escolares e a organización de actividades, construirase un parque infantil que incluirá diferentes zonas de xogo adaptadas a todas as idades. Á súa vez, contémplase a instalación de dúas fontes que contarán con auga apta para o consumo humano, a iluminación do conxunto do complexo, sinalización e unha serie de mobiliario como papeleiras de madeira, bancos e mesas de pedra para poñer a disposición dos visitantes.   

Paneis, vídeos e revista


A Deputación de Lugo editou unha revista fotográfica co deseño do proxecto do Parque Central que lle entregou ás persoas presentes na presentación deste sábado. Nela pódese comprobar, a través de imaxes aéreas e terrestres, o estado no que se atopa agora o terreo adquirido pola institución e, á súa vez, recolle infografías que reproducen como será a súa aparencia posterior unha vez construído.  

Durante o acto de presentación tamén se contou con paneis ilustrativos do antes e o despois, e proxectáronse vídeos ilustrativos que amosan a transformación que vivirá este lugar ata converterse nun lugar singular e emblemático de Antas de Ulla.