Deputación de Lugo
Medio ambiente

O Presidente presentará o 17 de abril o proxecto do Parque Central de Galicia da Deputación nun acto aberto á veciñanza no centro urbano de Antas

parque central de Galicia
Antas de Ulla
Tomé Roca dará a coñecer na localidade de Antas de Ulla os detalles da iniciativa que porá en valor o centro xeográfico de Galicia á veciñanza tanto deste concello, como do resto de persoas interesadas da comarca da Ulloa

A institución provincial porá en valor o centro xeográfico galego, situado no lugar de Nugallás, na parroquia de San Fiz de Amarante, creando un gran espazo público de lecer e natureza que dinamizará a economía e o emprego de Antas e de toda a comarca da Ulloa e a provincia

O evento será ao aire libre e contará coa implantación de medidas de prevención e contención do Covid-19 para garantir que todas as persoas interesadas poidan acudir sen risco

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca,  presentará o vindeiro sábado, 17 de abril, o proxecto do Parque Central de Galicia nun acto aberto ao público previsto para as 8 da tarde no centro urbano da localidade de Antas de Ulla. O mandatario provincial cumpre así co seu compromiso e o seu anuncio de crear no centro xeográfico galego, situado no lugar de Nugallás, na parroquia de San Fiz de Amarante, o Parque Central de Galicia. 

José Tomé Roca e a Deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, exporán os detalles e as actuacións concretas que se acometerán. Será un acto ao aire libre e con medidas de prevención da Covid-19, ao que poderá acudir a veciñanza da localidade de Antas de Ulla, pero tamén do resto dos concellos da comarca da Ulloa ou  calquera outra persoa interesada en coñecer polo miúdo en que vai consistir o proxecto que impulsará a Deputación. 

“Este ambicioso proxecto suporá un revulsivo turístico e económico para a comarca da Ulloa e para o resto da provincia, enmarcado no forte compromiso da Deputación polo reequilibrio territorial e a fixación de poboación no entorno rural, creando novos postos de traballo e dinamizando a actividade económica”, destaca o mandatario provincial. 

Tomé Roca xa lle explicou hai unha semana ao rexedor de Antas de Ulla, Javier Ares,  e ao presidente do Instituto de Estudos Ulloáns, Francisco Pardo, a iniciativa coa que a  Deputación creará un gran espazo público de lecer e natureza no centro xeográfico de Galicia, acondicionando e poñendo en valor este lugar, o que  dinamizará o emprego e a economía do municipio de Antas de Ulla, da comarca e do conxunto da provincia.