Deputación de Lugo
Turismo

Case 2.000 persoas desfrutaron das rutas en catamarán pola Ribeira Sacra da Deputación na Semana Santa

turismo
Ribeira Sacra
rutas fluviais
catamaráns
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo resalta que “a porcentaxe de ocupación nas embarcacións provinciais rozou o 100%, similar a outros anos, confirmándose a tendencia á alza neste servizo”

O número de reservas viuse condicionado pola situación xerada pola Covid-19, xa que o aforo dos catamaráns que opera a institución provincial está reducido a metade para extremar a prevención e a contención da pandemia

García Porto destacou que este atractivo turístico provincial contribúe a dinamizar a economía axudando á hostalería, ao turismo e ao comercio local nun momento crítico para estes negocios polas restricións sanitarias

As rutas polo Canón do Sil e Cabo do Mundo funcionarán ata finais de ano, sempre adaptándose e cumprindo coas medidas de prevención do coronavirus que vaian adoptando as autoridades sanitarias en cada momento

Preto de 2.000 persoas realizaron na Semana Santa algunha das dúas rutas fluviais en catamarán que ofrece a Deputación de Lugo polos leitos dos ríos Miño e Sil, o que supón que as embarcacións de Ponte do Sil e Belesar foron practicamente completas nos días festivos. A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, informou deste datos, que cualificou como “moi positivos, xa que a porcentaxe de ocupación nas embarcacións provinciais rozou o 100%, similar a outros anos, confirmándose a tendencia á alza neste servizo”. 

O número de reservas viuse condicionado pola situación xerada pola Covid-19, xa que o aforo dos catamaráns que opera a institución provincial está reducido a metade para extremar a prevención e a contención da pandemia. Aínda así, dende o sábado 27 de marzo ao domingo, 4 de abril, o embarcadoiro da Deputación de Lugo Ponte do Sil rexistrou 1.392 viaxeiros e o de Belesar 446.

García Porto resalta que os catamaráns “contribúen de maneira directa a dinamizar a economía da Ribeira Sacra, en tanto que xeran un efecto multiplicador en termos de pernoitas e de consumo. Polo tanto, axudan á hostalería, ó turismo e ó comercio cando máis o necesitan, debido a grave crise que viven estes sectores polas restricións sanitarias”. Ademais, engade, as rutas fluviais favorecen a proxección da Ribeira Sacra “no ano no que esta paisaxe cultural única está chamada a ser declarada Patrimonio da Humanidade, e “son unha boa maneira de promocionar o noso territorio a través do turismo, sobre todo neste momento marcado pola pandemia. O visitante busca alternativas ó aire libre, en plena natureza e seguras, como a que ofrece este servizo da Deputación de Lugo”.

A temporada arrancou o venres 19 de marzo, día de San Xosé, antes que en anualidades anteriores, que sempre cadraba coa Semana Santa. “Nesta ocasión decidimos arrancar antes, aproveitando esta ponte festiva, porque os catamaráns son unha oferta especialmente importante nesta situación de pandemia para axudar a recuperarse aos sectores económicos máis afectados polas restricións sanitarias, como son o turismo, a hostalería e o comercio local”, subliña a Deputada.

Rutas, reservas e horarios

Ata finais de ano, as persoas interesadas en coñecer a Ribeira Sacra a bordo dos catamaráns da Deputación de Lugo xa poden acceder á web reservas.rutasembalses.es, ou ben contactar no correo electrónico catamaranes.turismo@deputacionlugo.org ou no teléfono 982.260.196 en horario de luns a venres, de 09:00 a 14:30 horas.
 
O servizo de catamarán funcionará adaptándose ás medidas establecidas polas autoridades sanitarias en cada momento e seguindo protocolos propios da institución provincial no marco da súa actuación para extremar a prevención e a contención da Covid-19. Ao igual que a temporada pasada, o aforo das embarcacións está reducido á metade e a frecuencia das viaxes está adaptada para evitar que nos embarcadoiros non se produzan concentracións de persoas. Mantéñense os dous percorridos: a ruta fluvial Canón do Sil, que parte do embarcadoiro da Deputación Ponte de Sil, en Monforte de Lemos; e a Ruta Fluvial do Cabo do Mundo, que transita polo Saviñao, Pantón e Chantada.

No caso da ruta fluvial Canón do Sil funcionarán dúas travesías cunha capacidade total de 159 prazas, distribuídas 107 no catamarán Mencía e 52 no monocasco Canón do Sil. Pola súa banda, a ruta fluvial Cabo do Mundo contará cunha capacidade total de 72 viaxeiros. Será obrigatorio o uso de máscara durante toda a viaxe e realizaranse servizos de desinfección para previr o contaxio pola Covid-19. 

Horarios

Durante os meses de abril e maio as rutas serán de mércores a domingo e, con motivo do Día das Letras Galegas, tamén haberá viaxes o luns 17 de maio. En xuño, xullo, agosto, e ata o 12 de setembro haberá rutas de luns a domingo, en horario de mañá, tarde e noitiña. A partir do 12 de setembro e ata a Ponte de decembro pasarán a funcionar de mércores a domingo con dúas viaxes por día.