A Deputación remata a instalación do equipamento do Centro de Atención a Maiores de Pedrafita do Cebreiro
zonas comúns, habitacións, cociña, lavandaría e oficinas cun investimento de preto de
275.000€, coa previsión de que esta dotación social comece a funcionar esta primavera
A nova residencia favorecerá a calidade de vida e o benestar das persoas maiores,
dinamizará a economía local e creará postos de traballo, o que contribuirá a fixar
poboación neste concello e na comarca da Montaña
A Deputación de Lugo rematou esta semana de equipar o Centro de Atención a Maiores (CAM) de Pedrafita do Cebreiro cun investimento de preto de 275.0000€. Instaláronse mobles e electrodomésticos nas zonas comúns, habitacións, cociña, lavandaría e oficinas coa previsión de que esta dotación social comece a funcionar esta primavera.
As empresas subministradoras deste equipamento acondicionaron a residencia con butacas, estantes e mesas nas salas polivalentes, uns espazos dedicados á lectura, ao visionado de televisión e que serven de puntos de reunión. Así mesmo, instalaron o mobiliario das habitacións, coas súas correspondentes camas e colchóns e mesas auxiliares. Tamén dotaron de maquinaria industrial e electrodomésticos a cociña e a lavandería, e completaron a adecuación das dependencias dedicadas a recepción e oficinas.
O CAM de Pedrafita do Cebreiro contará con 30 prazas de residencia e 20 de centro de día. Seguindo o modelo de xestión establecido entre a Deputación e os concellos, os veciños e veciñas desta localidade terán prioridade de acceso, logo os dos restantes municipios da comarca da Montaña e, seguidamente, lucenses en xeral. Do mesmo xeito, o custe da praza adaptarase á capacidade económica de cada maior para que todos poidan acceder á mesma.
Trátase dun servizo 100% público, que favorecerá a calidade de vida e o benestar das persoas maiores, e a conciliación, pero que, ademais, dinamiza a economía local e crea postos de traballo, o que contribuirá a fixar poboación neste concello e na comarca da Montaña.
Contratación das prestacións básicas
A institución provincial ten aberto un procedemento negociado para a contratación das prestacións básicas desta residencia, o último paso administrativo para poñela en marcha. Este contrato inclúe as prestacións de cociña, limpeza e asistencia básica para o centro. O importe de licitación é de 771.871€ para prestar este servizo ata xuño de 2022.
Características
A residencia e centro de día público de Pedrafita atópase no centro do concello, concretamente, ao carón da casa consistorial, no espazo ocupado por unha antiga edificación que a entidade local cedeu ao organismo provincial. Conta cunha superficie de 1.731 metros cadrados, que se distribúen en tres plantas.
No soto están os servizos de lavandería, sala de caldeiras e os vestiarios do cadro de persoal. Na planta baixa sitúanse os espazos comúns, como a sala de rehabilitación, a enfermería, o salón de actos e a sala polivalente. No segundo andar atópase a cociña, o comedor e algunhas das habitacións. E, no terceiro andar, atópanse o resto de habitacións cos seus correspondentes cuartos de baño.
Rede de Centros de Maiores
A Deputación de Lugo ten agora en funcionamento 5 residencias na provincia: en Trabada, Ribadeo, Pol, A Fonsagrada e Castroverde. Ademais da apertura nesta primavera da de Pedrafita de Cebreiro, tamén prevé poñer en funcionamento neste 2021 a de Meira, de cara ao verán, e, a de Navia de Suarna, a finais de ano.
O modelo de residencias da Deputación de Lugo garante que os usuarios e usuarias poidan seguir vivindo preto dos seus familiares, dos veciños e amigos, mantendo o arraigo á súa terra, nun centro público no que reciben unha atención próxima e de calidade. Estas características dos centros de maiores provinciais son beneficiosas para o benestar físico e emocional das persoas usuarias.