Deputación de Lugo
Infraestruturas

O Presidente anuncia o inicio das obras de mellora na estrada provincial que une Ferreira de Pantón e Escairón

Pantón
O Saviñao
rede viaria provincial
A Deputación inviste 145.000€ nestes traballos na LU-P-4102, entre os quilómetros 3,7 e 6,1, unha vía de comunicación moi importante para a veciñanza destes dous concellos da Ribeira Sacra

Este mércores comezaron cos labores de limpeza de cunetas e a semana que vén estenderase o aglomerado en quente, sempre que as condicións meteorolóxicas sexan favorables

O Presidente da Deputación de Lugo e responsable directo da área de Xestión Territorial, José Tomé Roca, anunciou este mércores o inicio das obras de mellora da estrada provincial LU-P-4102, que une as capitalidades dos concellos de Pantón e O Saviñao: Ferreira de Pantón con Escairón. A institución provincial inviste máis de 145.000€ nestas actuacións que se desenvolven nun treito de máis de dous quilómetros, entre os puntos quilométricos 3,7 e 6,1.

A execución deste proxecto comezou hoxe cos labores de limpeza de cunetas e está previsto que na vindeira semana se leve a cabo o estendido de aglomerado en quente, sempre que as condicións meteorolóxicas sexan favorables. Logo procederase á instalación dunha nova sinalización horizontal e vertical. 

Tomé Roca remarca que esta estrada provincial é “unha vía de comunicación moi importante para os veciños e veciñas destes dous concellos da Ribeira Sacra, pois conecta co casco urbano de Pantón e serve de acceso a servizos fundamentais da localidade, como o centro de día, a gardería ou o tanatorio, ademais de ser a vía que une Pantón con Escairón”.  

Estas actuacións súmanse as xa executadas anteriormente pola Deputación nesta mesma vía, nun total de 3 quilómetros, entre os puntos 0 e 3, cun investimento de 160.000€. Ditos traballos permitiron a renovación da vía con aglomerado en quente, limpeza de cunetas e mellora da sinalización e repintado. 

José Tomé subliñou que a importancia deste proxecto que forma parte do conxunto de actuacións que ten en marcha a Deputación de Lugo na rede viaria provincial, a máis extensa de España, con 4.200 quilómetros, e tres veces superior á da Xunta en Lugo. A institución provincial segue traballando “nun dos nosos principais obxectivos, como é a mellora das comunicacións viarias, necesarias para aumentar a calidade de vida dos veciños e veciñas, e favorecer a igualdade de oportunidades e o reequilibrio territorial”.