A Deputación abrirá o Centro de Atención a Maiores de Pedrafita do Cebreiro esta primavera
García Porto explicou que “a nova residencia favorecerá a calidade de vida e o benestar das persoas maiores, dinamizará a economía local e creará postos de traballo, o que contribuirá a fixar poboación neste concello e na zona”
A voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, avanzou este venres que a previsión da Deputación de Lugo é abrir o Centro de Atención a Maiores (CAM) de Pedrafita do Cebreiro esta mesma primavera. Deuno a coñecer logo da celebración da Xunta de Goberno, que aprobou a apertura dun procedemento negociado para a contratación das prestacións básicas desta residencia, o último paso administrativo para poñela en marcha.
García Porto explicou que o contrato inclúe as prestacións de cociña, limpeza e asistencia básica para o centro. O importe de licitación é de 771.871€ para prestar este servizo ata xuño de 2022. “Trátase dun servizo 100% público que favorecerá a calidade de vida e o benestar das persoas maiores, e a conciliación, pero que, ademais, dinamiza a economía local e crea postos de traballo, o que contribuirá a fixar poboación neste concello e na zona”, incidiu a Deputada.
O CAM de Pedrafita do Cebreiro contará con 30 prazas de residencia e 20 de centro de día. “A nosa previsión é abrir este centro na primavera, dotando a Pedrafita desta prestación pública tan necesaria e tan desexada polos veciños e veciñas. Logo, como xa temos avanzado, a mediados de ano temos prevista a apertura da residencia de Meira e no segundo semestre, a de Navia de Suarna”, detallou.
Desta forma, a Deputación de Lugo pasará de ter as 5 residencias actuais –en Trabada, Ribadeo, Pol, A Fonsagrada e Castroverde- a contar con 8 en funcionamento, coas de Pedrafita, Meira e Navia de Suarna.
A licitación das prestacións básicas da residencia de Pedrafita foi un dos contratos que saíu adiante na Xunta de Goberno celebrada hoxe, que en total suman un importe de 930.000€, “unha contía que axuda a impulsar novos servizos para os concellos e para a veciñanza, pero tamén para dinamizar a economía de moitas empresas que asumen carga de traballo grazas á tramitación de contratos por parte da institución provincial”, afirmou García Porto.
Deste xeito, a Xunta de Goberno aprobou a adxudicación dos seguros necesarios para a prestación do servizo das rutas fluviais pola Ribeira Sacra en catamarán. O contrato adxudícase por un total de 16.210€. O seguro inclúe a responsabilidade civil, o seguro obrigatorio de viaxeiros e o seguro de cascos das embarcacións e equipos.
Tamén saíu adiante a adxudicación dunha póliza de seguros de accidentes por 84.500€ para os participantes e alumnos das actividades e cursos organizados pola institución provincial, e tamén para os usuarios e usuarias dos Centros de Atención a Maiores. Este contrato ten unha vixencia de 2 anos, con opción a prórroga ata os 4 anos máximo.
Así mesmo, aprobouse a adxudicación do servizo de inspección e mantemento das instalacións de protección contra incendios nos edificios da Deputación por preto de 58.000€, cunha vixencia de dous anos.
Obras en Friol
A Xunta de Goberno aprobou unha solicitude do Concello de Friol para poder investir remanentes do Plan Único 2020 en dúas obras. Unha delas, cun investimento provincial de máis de 43.000€ servirá para pavimentar as vías de acceso aos núcleos de Bra, Lea e Montecelos. E a outra, co financiamento da Deputación de máis de 26.000€, servirá para pavimentar as vías de acceso á Cooperativo e a Casas da Noite.