Deputación de Lugo

A Deputación dá luz verde ao inicio de obras de mellora en estradas de Lugo e Ourol por 180.000€

Palas de Rei
Lugo
infraestruturas
obras
A Xunta de Goberno aprobou o último paso administrativo antes de iniciar os traballos de rehabilitación do firme da LU-P-2901, entre Lugo e Palas, unha vía que dá acceso á autovía de Santiago, e da LU-P-3807, de Bravos a San Pantaleón, no concello ourolés

A voceira socialista do Goberno e Deputada de Réxime Interior, Promoción de Territorio e
Turismo, Pilar García Porto, informou este venres de que a Xunta de Goberno aprobou o último
paso administrativo –o Plan de Seguridade e Saúde- para poder iniciar os traballos de
rehabilitación do firme da LU-P-2901, entre Lugo e Palas, unha vía que dá acceso á autovía de
Santiago, e da LU-P-3807, de Bravos a San Pantaleón, no concello de Ourol, nas que inviste
180.000€.


No caso da LU-P-2901, que comunica Lugo con Palas de Rei, actuarase no tramo que vai do
quilómetro 3,340 ao 5,400, á altura do municipio lucense. “Trátase dun proxecto adxudicado en
85.000€ que é importante para os concellos de Palas e Lugo, pero tamén para o conxunto da
provincia, porque trátase da estrada que dá acceso á autovía de Santiago”, dixo García Porto.


Pola súa banda, a LU-P-3807 é a vía máis rápida que teñen os veciños da parroquia de San
Pantaleón para chegar a Ourol e Viveiro. A Deputación inviste preto de 95.500€ nos traballos
de mellora, que se realizarán nun treito de máis de 7 quilómetros, entre os puntos quilométricos
0,630 e 7,950, e consistirán no acondicionamento da vía e na reposición de liñas e marcas
viarias reflexivas brancas. O prazo de execución das actuacións é de 9 meses.

 

Listaxe de emprego en Protocolo

A Xunta de Goberno tamén aprobou a convocatoria e as bases específicas para constituír unha
listaxe de emprego de técnico superior en protocolo para prestar servizos de carácter temporal
na Deputación de Lugo. “Unha medida que responde á necesidade do servizo, para xestionar
con axilidade a incorporación de efectivos deste tipo cando sexa preciso e estea xustificada a
súa incorporación”, detallou a deputada.