Deputación de Lugo
Economía
Emprego

A campaña de Nadal que a Deputación lanzou coa Federación de Comercio xerou un volume de negocio de máis de 2,3M€

Federación de Comercio
Nadal
campaña
O Presidente da institución provincial, xunto co representante da agrupación de comerciantes e o director territorial de Abanca, participou no sorteo desta iniciativa na que participaron máis de 37.000 persoas, un 7% máis que na edición anterior

Os gañadores daranse a coñecer mañá venres, logo de que o notario encargado de realizar este sorteo comprobe a validez dos tíckets que resultaron agraciados con 40 tarxetas por valor de 10.000€ en premios de 300€ e 200€

A Deputación achega 52.000€ para desenvolver a campaña, co fin de incentivar e promover entre a veciñanza as compras nos comercios de proximidade da provincia durante as datas do Nadal

José Tomé destacou que esta colaboración “enmárcase no compromiso da Deputación de traballar da man cos propios sectores produtivos para axudar na recuperación do emprego e da actividade económica da provincia”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este xoves no Pazo de San Marcos, xunto ao presidente da Federación de Comercio de Lugo, José María Seijas, e o director territorial de Abanca, Javier Soto, no sorteo da campaña Este Nadal, o comercio de Lugo máis preto de ti. Comercio de Lugo Seguro, Nadal Seguro, que a institución provincial impulsou cunha achega económica de 52.000€ en colaboración coa Federación de Comercio. 

A iniciativa resultou ser un éxito, logo de que xerara un volume de negocio de máis de 2,3M€ en compras realizadas en 5.500 comercios de proximidade da provincia durante o Nadal, en máis de 40 localidades en colaboración coas asociacións de comerciantes e centros comerciais abertos da provincia de Lugo. 

Nesta edición, en comparación coa celebrada o ano pasado, rexistrouse un incremento da participación do 7% , chegando a un total de 37.055 persoas. Os concellos nos que se rexistrou un volume máis alto de implicación coa campaña foron os de Lugo, Sarria, Monforte de Lemos, Vilalba, Viveiro e Foz.

A Deputación de Lugo achegou 52.000€ co obxectivo de incentivar e promover entre a veciñanza as compras nos comercios de proximidade da provincia durante o Nadal, dentro da súa folla de ruta de traballar da man co tecido asociativo da provincia e mellorar o actual contexto económico e social derivado da pandemia.


Gañadores dos 10.000€ en premios
As persoas gañadoras dos premios, que ascenden a 10.000 euros nesta edición, daranse a coñecer na xornada de mañá, venres, logo de que o notario que realizou o sorteo comprobe a validez dos tíckets que resultaron agraciados. En total, entregaranse 40 tarxetas: 20 tarxetas de 300 euros e 20 tarxetas de 200 euros. 

As persoas agraciadas poderán canxear as tarxetas nos comercios adheridos á campaña, o que suporá unha nova inxección económica nos pequenos negocios da provincia. Para participar, as persoas que mercaran no comercio local debía fotografar e rexistrar o seu tícket de compra na web www.lugonadal.com ou solicitar o seu rexistro ao comerciante. 

Apoio ao pequeno comercio
O Presidente da Deputación destacou que a institución colabora dende xa hai anos coa Federación de Comercio en programas e accións para visibilizar a calidade do sector, e para incentivar as compras no comercio de proximidade da provincia. “Foi sempre unha colaboración importante, pero, dende logo, neste ano é fundamental e imprescindible que desde a institución provincial fagamos esta inxección económica ao sector, tendo en conta que, xunto coa hostalería, o turismo e a cultura, é o que está a sufrir o impacto máis grave polas restricións da crise sanitaria”. 

Así mesmo, o Presidente subliñou que esta colaboración enmárcase no compromiso da Deputación de traballar da man cos propios sectores produtivos para axudar na recuperación do emprego e da actividade económica da provincia. Nesta liña, explicou que a institución provincial dedica 30M€, un terzo do total do Orzamento, a Políticas Sociais “porque cremos que é o mellor modo de garantir a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas, sobre todo dos máis vulnerables”. 

“Con esta campaña apoiamos aos 5.500 comercios da provincia nunhas datas fundamentais, pois o Nadal representa un importante volume dos seus ingresos, supoñendo máis do 30% da facturación anual. O comercio de proximidade é un motor fundamental da economía da provincia de Lugo, xerador de emprego e riqueza, e dinamiza as rúas e a vida social. Ademais, é un comercio seguro”, salientou o mandatario provincial.