Deputación de Lugo

A Deputación apoia á AECC na creación dun novo espazo de atención para enfermos de cancro e as súas familias

AECC
convenios
O Presidente, José Tomé, asinou un convenio de colaboración coa presidenta da Asociación Española Contra o Cancro para sufragar con 12.000€ o equipamento e mobiliario deste lugar de encontro pioneiro nun ambiente non hospitalario

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración coa presidenta da Asociación Española Contra o Cancro (AECC), María Luz Abella, para sufragar con 12.000€ o equipamento e mobiliario dun espazo activo de atención para as persoas enfermas de cancro e as súas familias, ademais doutros servizos para toda a poboación.

Trátase dun espazo pioneiro cun enfoque integral e multidisciplinar, que axuda a que as persoas interactúen con outras que superaron a enfermidade nun ambiente non hospitalario. Estes espazos da AECC son necesarios para promover actividades sanitarias, tanto para as persoas que padecen a enfermidade, como para as súas familias e a poboación xeral. A institución provincial financia para o novo espazo o equipamento de cadeiras, mesas, armarios, sillóns, librarías, padiolas de exploración e diferentes accesorios necesarios para o correcto funcionamento do lugar. 

Este espazo ofrecerá actividades para aumentar o benestar, como prevención, atención psicolóxica, atención social, atención logopédica, acompañamento, así como conferencias, charlas ou obradoiros. Neste lugar, ademais, prestarase especial atención a aquelas persoas que precisan apoio financeiro ou préstamo para equipos ortopédicos, que non poden afrontar novos gastos ou que son extremadamente vulnerables.