Deputación de Lugo
Infraestruturas
Recursos Humanos

A Deputación inviste 433.000€ no remate do ensanche da estrada provincial que vertebra Baralla, O Corgo e Castroverde

Xunta de Goberno
A Xunta de Goberno aprobou este venres a licitación das obras da LU-P-1201,coas que “resolvemos un problema que se arrastra dende o ano 2003, cando se expropiaron os terreos para acometer este proxecto”, explicou a voceira socialista do Goberno

A institución provincial achegará 20.300€ á Asociación San Cristóbal de Martín para a renovación da rede de abastecemento de auga deste núcleo rural do concello de Bóveda, o que beneficiará a cen veciños e veciñas

Aprobado o encargo á empresa pública Tragsa para prestar o servizo de limpeza dos edificios e dependencias provinciais por seis meses e un importe de 447.000€

A Deputación de Lugo sigue avanzando na mellora da rede viaria provincial. A Xunta de Goberno deste venres aprobou a licitación por 433.000€ das obras para rematar o ensanche da LU-P-1201, de Souto de Torres a Sobrado, unha vía que une e vertebra os concellos de Baralla, O Corgo e Castroverde.

A voceira socialista do Goberno provincial, Pilar García Porto, explicou que, con estas obras, que afectan a 1,5 quilómetros, entre os núcleos de Coto -no Corgo- e de Agustín -en Castroverde-, “resolvemos un problema que se arrastra dende o ano 2003, cando se expropiaron os terreos para acometer esta obra”.

Con este proxecto dobrarase o ancho da estrada, pasando dos 4,5 metros actuais aos 7. As obras consistirán no movemento de terras, a drenaxe transversal mediante a reposición das cunetas con tubos de formigón, a pavimentación con aglomerado en quente, e a sinalización horizontal e vertical, así como o balizamento e a limpeza de cunetas. Tamén será preciso facer unha nova ponte no lugar de Agustín, para o que é preciso solicitar o correspondente permiso á Confederación Hidrográfica do Miño Sil. O prazo de execución, unha vez iniciadas as obras, é de 9 meses.

A voceira socialista lembrou que nesta mesma estrada provincial LU-P-1201, a Deputación rematou recentemente a mellora e ensanche doutro tramo, de máis de dous quilómetros, entre Souto de Torres e o polígono industrial de Castroverde, unhas obras que contaron cun investimento de 380.000€.

Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou unha aportación de 20.300€ para a Asociación San Cristóbal de Martín para a renovación da rede de abastecemento de auga deste núcleo rural do concello de bóveda. A actuación beneficiará aos preto de 100 veciños e veciñas que viven nesta parroquia. 

Así mesmo, na Xunta de Goberno quedou aprobado o encargo á empresa pública TRAGSA, medio propio da Deputación, do servizo de limpeza dos edificios e dependencias provinciais por un período de 6 meses -entre mediados de decembro e mediados de xuño- e cun importe de 447.737€. 

Emprego público
Ademais, aprobouse a convocatoria do proceso selectivo para ampliar a lista de emprego dun traballador ou traballadora social para prestar servizos de carácter temporal na Deputación. A convocatoria sairá publicada nos próximos días no Boletín Oficial da Provincia (BOP).