Cooperación concellos
Deputación de Lugo

O Presidente supervisa o inicio dos traballos do plan de aforro enerxético Ilumin@, que beneficia a 38 concellos

Ilumin@
Tomé Roca comprobou en Monforte como as empresas adxudicatarias xunto co persoal técnico da Deputación están inspeccionando o estado das instalacións eléctricas municipais para executar posibles adaptacións antes de instalar as novas luminarias LED

Na cidade do Cabe renovaranse 52 puntos de luz cun investimento de preto de 20.000€, o que supoñerá un aforro enerxético do 84%

O plan está dotado con 723.000€, dos que o 80% son fondos europeos que a Deputación conseguiu a través do IDAE, un organismo dependente do Ministerio de Transición Ecolóxica

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, supervisou en Monforte de Lemos o inicio dos traballos do plan de aforro enerxético ILUMIN@ neste municipio da Ribeira Sacra. Tomé Roca estivo comprobando estas primeiras accións xunto ao equipo técnico da Axencia de Enerxía da institución provincial, representantes da empresa que prestará o subministro nesta zona e da empresa que dá asistencia técnica ao plan. Neste proxecto están involucrados 38 concellos da provincia que decidiron adherirse para cambiar luminarias convencionais por outras LED que consuman e contaminen menos. 

O mandatario provincial lembra que os contratos coas tres empresas que desenvolverán estes traballos se asinaron o pasado martes e “xa están traballando nesta mesma semana,desenvolvendo unha primeira fase do proxecto, que consiste na inspección das instalacións eléctricas dos concellos para ver o seu estado, comprobar se é necesario cambiar algún elemento a maiores ou se cómpre renovar máis elementos para que as actuacións sexan o máis eficientes e óptimas posible”. 

Engade Tomé Roca que igual que no caso de Monforte de Lemos, o persoal técnico tamén estivo na Pobra do Brollón.O persoalda Deputación responsable da execución do proxecto Ilumin@ e o persoal correspondente das empresas adxudicatarias desprazaranse aos distintos concellos que se sumaron a este proxecto para realizar os correspondentes replanteos para iniciar os traballos de instalación do material eléctrico o máis pronto posible.

No caso de Monforte de Lemos, acometerase a renovación do alumeado, iluminación e sinalización exterior das rúas Rosalía de Castro, Concepción Arenal, Severo Ochoa e López Suárez, onde se renovarán 52 puntos de luz cun investimento de preto de 20.000€. Isto suporá un aforro de consumo de enerxía eléctrica do 84% nestas rúas, segundo refiren os informes técnicos. 

Pola súa banda, no caso da Pobra do Brollón, o Ilumin@ contempla a mellora do alumeado público dos núcleos rurais de Piñeiros, Vilarmao e Castroncelos. Vanse renovar 44 puntos de luz cun investimento de preto de 11.600€. Neste caso, o aforro enerxético será do 54% con respecto á actual instalación.

Contrato en 3 lotes
O contrato para executar o plan de aforro enerxético Ilumin@ foi adxudicado en preto de 530.000€ e divídese en tres lotes, cada un por unha zona xeográfica da provincia. O prazo de execución dos traballos é de 6 meses.O Lote 1 correspóndese coa zona norte e foi adxudicado á empresa Manuel Novoa CastroS.L.U. Inclúe os concellos de Meira, Burela, A Pastoriza, Riotorto, Lourenzá, Ourol,Mondoñedo, Xermade, O Vicedo, Ribeira de Piquín, Alfoz, Trabada, O Valadouro e Vilalba.

No caso do Lote 2, relativo á zona centro da provincia, foi adxudicado á empresa HallmannEnergie, S.L., e correspóndese con: Baralla, Begonte, Castro de Rei, Castroverde, Cervantes, Cospeito, Friol, Guntín, Láncara,Navia de Suarna, Negueira de Muñiz e Rábade.

Pola súa banda, o  Lote 3foi adxudicado á empresa CymeSantosHéctor, S.L., e comprende aosconcellos da Pobra do Brollón, As Nogais, Carballedo, Folgoso do Courel, Monforte deLemos, O Incio, O Páramo, O Saviñao, Pantón, Quiroga, Samos e Sober.

O plan ILUMIN@
O plan Ilumin@ está dotado con 723.000€, dos que o 80% son fondos europeos que a Deputación conseguiu a través do IDAE (Instituto de Desenvolvemento de Aforro Enerxético), un organismo dependente do Ministerio de Transición Ecolóxica.

Con este plan, os 38 concellos da provincia que decidiron adherirse cambiarán en total unhas 3.200 luminarias por outras de tecnoloxía LED, o que suporá un aforro conxunto de 62.000€ ao ano, isto é, ata un 63% da facturación eléctrica das instalacións municipais nas que se actuará, fundamentalmente alumeados públicos exteriores. 

Ademais, a tecnoloxía LED permitirá reducir o consumo nun total de 450.000 quilovatios ao ano, o que minimizará tamén a pegada de carbono.

O plan ILUMINA@ forma parte do obxectivo estratéxico da Deputación de cooperar cos municipios da provincia para que poidan prestar servizos públicos eficientes á cidadanía aforrando custes, pero tamén preservando o medio ambiente.