Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación inviste 95.000€ no arranxo da estrada que une Bravos con San Pantaleón, en Ourol

Ourol
Rede provincial de estradas
A Xunta de Goberno aprobou a mellora de sete quilómetros na LU-P-3807, entre os puntos 0,630 e 7,950, unhas obras que consistirán no acondicionamento da vía e na reposición de liñas e marcas viarias reflexivas brancas. O prazo de execución é de 9 meses

A Deputación de Lugo rehabilitará con 95.000€ a estrada LU-P-3807, que une Bravos e San Pantaleón por Foxo, no concello de Ourol. Así o informou este venres o Presidente da institución provincial, José Tomé Roca, e máximo responsable da área de Xestión Territorial, tras aprobar a Xunta de Goberno a adxudicación destas obras. 

O mandatario provincial explicou que ditas actuacións no concello de Ourol súmanse as xa aprobadas en anteriores Xuntas de Goberno para a rehabilitación de 3 estradas provinciais do municipio con outros 300.000€. “En total, achegamos nas últimas semanas case 400.000€ na reparación e acondicionamento de vías neste concello mariñán”, subliñou Tomé Roca.

O Presidente explicou que os traballados adxudicados este venres son moi importantes,ao tratarse da vía máis rápida que teñen os veciños e veciñas da parroquia de San Pantaleón para chegar a Ourol e Viveiro. Terán lugar nun treito de máis de 7 quilómetros, entre os puntos quilométricos 0,630 e 7,950, e consistirán no acondicionamento da vía e na reposición de liñas e marcas viarias reflexivas brancas. O prazo de execución é de 9 meses.

Melloras en 3 vías do municipio
Así mesmo, a Deputación ten aprobada a licitación de obras de rehabilitación de firmes en 3 estradas provinciais de Ourol cun orzamento de 300.000€ e un prazo de execución de 6 meses. Por un lado, mellorarase a LU-P-6602, que vai de Rúa Nova a Muras, e que dá servizo á veciñanza que ten gando na Serra do Xistral e tamén ás empresas que realizan o mantemento dos parques eólicos da zona. Neste caso vaise arranxar medio quilómetro, dende o punto 18,550 ata o 19,095. 

Neste concello, tamén se vai arranxar a LU-P-3805, que une os núcleos Sixto con Campo do Foxo, en dous tramos: o que vai do quilómetro 0 ata o 1 e do 11,240 ao 14,917.Esta vía provincial comunica as parroquias de Bravos, Ambosores e Sixto. 

A terceira estrada na que se licitan obras en Ourol é a LU-P-6406, que vai dende Cristo da Portapena ata Ponte Segade. Neste caso, son os 200 primeiros metros de estrada, que presenta desperfectos.

Máis de 3M€ na rede viaria provincial
Con todas estas actuacións na rede viaria provincial, a máis extensa de España, a Deputación segue traballando nun dos seus principais obxectivos, como é a mellora das comunicacións viarias, “necesarias para aumentar a calidade de vida dos veciños e veciñas, e favorecer a igualdade de oportunidades e o equilibrio territorial”, explicou o Presidente.De feito, a día de hoxe, a institución ten en marcha obras de mellora de estradas por toda a provincia por un importe que supera os 3M€.