Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación amplía ata o 13 de decembro as rutas en catamarán pola Ribeira Sacra para apoiar ao sector turístico

catamaráns
rutas fluviais
Ribeira Sacra
O Presidente explicou que a Xunta de Goberno aprobou prorrogar o encargo a Tragsa por 45.000€ para continuar cos itinerarios que parten dos embarcadoiros de Ponte do Sil e Belesar con todas as medidas sanitarias implantadas

Máis de 20.500 persoas realizaron algunha das dúas rutas dende o mes de xuño, o que evidencia que son unha oferta turística atractiva na nova normalidade, ao tratarse dunha actividade ao aire libre e en pleno contacto coa natureza

As embarcacións funcionan co 50% da súa capacidade, limitación que se pode ver alterada polas indicacións que marquen nas próximas semanas as autoridades sanitarias

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, informou este venres de que a institución provincial decidiu ampliar as rutas en catamarán pola Ribeira Sacra ata o vindeiro día 13 de decembro para apoiar ao sector turístico da provincia. Tomé Roca explicou que a Xunta de Goberno lle deu o visto bo este venres á prórroga do encargo á empresa pública Tragsa para a prestación do servizo por un importe de 45.000€. 

“Tomamos esta decisión porque as rutas en catamarán tiveron unha moi boa acollida dende que arrancaron a mediados do mes de xuño, a pesar da situación provocada pola pandemia, e porque queremos que sigan dinamizando o turismo e a hostalería nuns momentos tan complicados para o sector”, subliñou o Presidente.

Ata esta semana, máis de 20.500 persoas fixeron as rutas en catamarán dende Ponte do Sil e Belesar, 6.200 só no último mes, entre a segunda quincena de setembro e a primeira de outubro. “É unha cifra importante, tendo en conta que as embarcacións están limitadas ao 50% da súa capacidade como medida de seguridade para minimizar o risco de contaxio por Covid-19. Seguiremos con esta capacidade, tendo en conta sempre as indicacións das autoridades sanitarias”, sinalou José Tomé. Demóstrase, engadiu, que “son unha oferta turística atractiva na nova normalidade, ao tratarse dunha actividade ao aire libre e en pleno contacto coa natureza”. 

Horarios
Tanto a Ruta do Canon do Sil, como a de Cabo do Mundo funcionarán no mes de novembro con viaxes os sábados e domingos, cunha saída pola mañá e outra pola tarde, excepto o día 1 de novembro, festivo, que se farán 4 saídas. No mes de decembro, haberá unha saída pola mañá e outra pola tarde os días 5, 6, 7, 8, 12 e 13. 

Embarcadoiro Ponte do Sil

Novembro 
Unha embarcación (26 ou 53 prazas, en función das reservas)  ->Sábados e domingos: 11:30h, 16:00h.
1 de novembro –> Dúas embarcacións  -> 11:00h, 11:30h, 16:00h e 16:30h.

Decembro
Unha embarcación -> Días 5, 6, 7, 8, 12 e 13 de decembro -> 11:30h e 16:00h

Embarcadoiro Belesar

Novembro 
Unha embarcación (31 prazas)-> Sábados e domingos: 11:30h e 16:00h.
1 de novembro –> Unha embarcación -> 11:30h e 16:30h.

Decembro
Unha embarcación -> Días 5, 6, 7, 8, 12 e 13 de decembro -> 11:30h e 16:00h.