Cultura
Deputación de Lugo

A Deputación achega13.000€ á Fundación Bal y Gay para potenciar as súas actividades a través de medios dixitais

O obxectivo é a creación dunha imaxe atractiva e dinámica a través dunha nova web; a posta en marcha dunha canle de Youtube que visibilice os seus proxectos; e a contratación de servizos de comunicación e marketing para a difusión en medios

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, e o representante da Fundación Xesús Bal y Gay, Enrique Rodríguez Baixeiras, asinaron no Pazo de San Marcos a subvención excepcional que lle outorga a institución provincial a esta entidade por un total de 13.000 euros. Esta colaboración permitiralles levar a cabo un proceso de dixitalización e implantación de novas tecnoloxías para maximizar o alcance das súas actividades. 

O obxectivo é a creación dunha imaxe atractiva e dinámica a través da construción dunha nova páxina web; a posta en marcha dunha canle de Youtube que maximice o alcance e dote de maior visibilidade os seus proxectos; e a contratación dunha empresa de comunicación e marketing para o traballo de difusión en diferentes medios. 

Esta Fundación creou no ano 2014 o Festival Bal y Gay co fin de achegar a música clásica á comarca da Mariña onde a accesibilidade a esta era moi limitada. En cada edición reúnense intérpretes do momento para promover a formación e a difusión musical, consolidando un amplo cartel de artistas de primeiro nivel. Esta cita musical supón tamén un incentivo turístico tanto para a comarca mariñá como o resto da provincia polo gran número de persoas que participan en cada edición no Festival Bal y Gay.