Deputación de Lugo
Turismo

Os premios á hostalería e ao turismo Lugo Cambia da Deputación admiten candidaturas ata o 21 de agosto

Premios Lugo Cambia
turismo
A institución provincial quere con estes galardóns recoñecer e poñer en valor o traballo de persoas, empresas e institucións a favor da promoción turística da provincia, así como as actuacións innovadoras no mundo da hostalería

As bases pódense consultar na web www.turismo.deputacionlugo.gal

A Deputación de Lugo mantén aberto ata o vindeiro día 21 de agosto o prazo para a presentación de candidaturas aos premios á hostalería e ao turismo Lugo Cambia, uns galardóns cos que a institución provincial quere recoñecer e poñer en valor o traballo de persoas, empresas e institucións a favor da promoción turística da provincia, así como as actuacións innovadoras no mundo da hostalería.

A Deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, lembra que os premios, acordados no seo do Consello Provincial de Turismo e no marco do Plan Estratéxico de Turismo que ten en marcha a Deputación, contan con dúas modalidades: o premio Lugo Cambia ao Turismo Lucense e o premio...E Para Comer, Lugo á gastronomía lucense.

Poden optar aos galardóns persoas físicas ou xurídicas, a título individual ou colectivo, institucións e entidades públicas ou privadas, asociacións e colectivos sen ánimo de lucro, de ámbito local, autonómico, nacional ou internacional que destaquen nalgunha das dúas modalidades destes premios. Os galardóns, con carácter honorífico, consistirán neste primeiro ano nun diploma acreditativo e nun agasallo. 

As bases dos premios pódense consultar na web da Deputación www.turismo.deputacionlugo.gal.

As persoas interesadas poden obter máis información dirixíndose ao enderezo electrónico turismo@deputacionlugo.org ou ao número de teléfono 982260120.