Cooperación concellos
Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación inviste máis de 28.000€ na mellora da rúa Jesús Redondo Candal de Outeiro de Rei

Outeiro de Rei
obras de mellora
O Presidente e o Alcalde asinaron no Pazo de San Marcos unha modificación de convenio de colaboración para investir remanentes doutra actuación no municipio para continuar impulsando a ordenación de mobilidade no casco urbano

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o Alcalde de Outeiro de Rei, José Pardo Lombao, asinaron no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración para a mellora da rúa Jesús Redondo Candal para a ordenación da mobilidade no casco urbano do municipio. Os custes desta obra suporán máis de 48.000€, dos que a institución provincial achega 28.441 € e o Concello a cantidade restante.

Con esta sinatura,a Deputación dá luz verde á solicitude do Concello de investir os remanentes doutro convenio asinado no mes de decembro entre ambas institucións por un importe de 175.000€ para acometer actuacións urbanísticas. Consistiron na apertura dun tramo viario no casco urbano, entre a rúa do Concello, que vertebra a localidade, e a denominada rúa C, unha zona residencial de nova creación. Agora con esta modificación do convenio, a Deputación contribúe a seguir mellorando as conexións viarias en Outeiro de Rei.

Con esta obra completarase a urbanización dun tramo viario utilizado para o tráfico rodado e para os peóns co fin de garantir a accesibilidade e a supresión de barreiras arquitectónicas, facéndoa deste modo máis segura. As obras que se levarán a cabo son as seguintes: rematarase o tramo viario segundo marca o proxecto polo que se construirá unha beirarrúa a un lado de dous metros de ancho e a colocación do bordo, acondicionaranse diferentes pasos accesibles, e asfaltarase a vía, ademais de pintar os carrís de circulación, liña de aparcamento e pasos de peóns, e executarase a canalización de saneamento pluviais, rede telefónica e alumado público.