Deputación de Lugo
Economía

A Deputación apoia ao sector da automoción con 40.000€ para a compra das instalacións de APREVAR

José Tomé Roca
automoción
APREVAR
Sinatura convenio APREVAR
Tomé Roca asinou co presidente do colectivo un convenio de colaboración: “Esta é unha mostra máis do apoio que a institución provincial ofrece ao tecido produtivo da provincia para dinamizar a economía, e manter e crear emprego”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o presidente da Asociación Provincial de Reparación e Venda de Automóbiles e Recambios de Lugo (APREVAR), Luis Abelleira Mayor, asinaron un convenio a través do que a institución provincial achega 40.000€ para axudar á compra das instalacións do colectivo, que agrupa a 530 asociados, o que representa máis do 85% das empresas do sector da automoción da provincia de Lugo.

José Tomé subliña que esta achega é unha mostra máis do “compromiso e do apoio da Deputación aos sectores produtivos da provincia para dinamizar a economía e manter e crear emprego”. 

Esta contía de 40.000€ que lle concede a Deputación a este colectivo do sector da automoción ten como fin axudar a financiar a compra das instalacións de máis de 2.500 m2 que APREVAR ten na cidade de Lugo. APREVAR dispón nestas infraestruturas de aulas, talleres diferenciados por ramas de actividade, salón de actos e, entre outros recursos, dunha biblioteca. 

A Asociación provincial de Reparación e Venta de Automóbiles e Recambios de Lugo, fundada no ano 1997, ten como obxectivos representar, xestionar e defender ao sector da automoción da provincia de Lugo. Dispoñen dunhas instalacións na Campiña, en Lugo, que conta con aulas, talleres de formación, salón de actos ou bibliotecas. Ofrece aos seus membros servizos técnicos: ITV, certificacións de talleres, información técnica, préstamo de maquinaria; sobre industria: información e asesoramento, altas e baixas no rexistro industrial, cambios de titularidade, traslados, modelos de factura e presuposto; sobre formación: cursos e talleres previstos coas últimas tecnoloxías en maquinaria e ferramentas, dirixidos a persoas desempregadas e traballadores, certificados de profesionalidade e, xornadas; asesoría xurídica, laboral, fiscal ou medioambiental, entre outros.