Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

A Deputación renova a colaboración que garante un servizo gratuíto de asesoramento sociolaboral a persoas sen recursos

José Tomé Roca
Graduados Sociais
asesoramento
Sinatura convenio Colexio Graduados Sociais
José Tomé Roca e o presidente do Colexio de Graduados Sociais asinaron un convenio por 25.000€ para o financiamento desta prestación, da que se beneficiaron o pasado ano 64 veciños e veciñas da provincia en situación de vulnerabilidade

Este servizo contribúe “de maneira importante á xustiza social e á igualdade de oportunidades”, valores “cos que estamos firmemente comprometidos, e máis agora diante dunha crise económica provocada pola pandemia sanitaria. Queremos que ninguén se quede atrás”, subliñou o Presidente da Deputación

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o presidente do Colexio Oficial de Graduados Sociais de Lugo, Manuel Núñez, asinaron na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos o convenio a través do cal a institución provincial achega a esta entidade 25.000 euros, unha aportación económica que fai posible o mantemento do servizo gratuíto de información e asesoramento sociolaboral a veciños e veciñas da provincia en situación de vulnerabilidade e con escasos recursos que foi activado en marzo do pasado ano grazas ao apoio da Deputación. Ao acto de sinatura do convenio tamén asistiu o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón.

Desta prestación, a cargo dun equipo de 92 profesionais do Colexio de Graduados Sociais, beneficiáronse 64 persoas ao longo do ano pasado. 

O Presidente da Deputación destacou que este servizo profesional de orientación en materia sociolaboral contribúe “de maneira importante á xustiza social e á igualdade de oportunidades”, valores “cos que nesta institución estamos firmemente comprometidos e que intentamos favorecer de maneira transversal en todas as accións do Goberno, e máis agora cando nos enfrontamos a unha crise económica provocada pola pandemia sanitaria. Queremos que ninguén se quede atrás”.

Ademais da calidade da prestación ofrecida polo Colexio de Graduados Sociais, José Tomé puxo en valor a súa axilizade e rapidez, pois resolve as consultas dos usuarios e usuarias en menos de tres días. 

Nesta liña, Tomé Roca fixo fincapé na importancia de continuar prestando este servizo a persoas con dificultades económicas ou en situacións de vulnerabilidade que carecen dos medios necesarios para acceder a un asesoramento xurídico. “Ante a crise sanitaria da Covid-19 é preciso que desde as administracións públicas cooperemos co resto de asociacións e entidades para facer fronte ás necesidades de todos os veciños e veciñas da provincia, superando do mellor modo posible un panorama complexo”, remarcou o mandatario provincial. 

Funcionamento
O Colexio Oficial de Graduados Sociais de Lugo traballa de forma coordinada cos departamentos de Servizos Sociais de todos os concellos da provincia que lle trasladan a esta entidade as diferentes consultas dos usuarios. 

As persoas interesadas en empregar este servizo poden solicitar unha cita previa expoñendo o motivo da consulta e a zona da provincia cubrindo o formulario colgado na páxina web deste entidade -https://graduadossocialeslugo.com/-. Posteriormente establecerase unha data para a reunión na sede do Colexio ou nas diferentes oficinas habilitadas en cada partido xudicial.

Entre as cuestións que se poden consultar figuran xestións relacionadas con estranxeiría, prestacións da Seguridade Social, xubilacións, viudedade, orfandade, pensións non contributivas, reclamacións salariais, dereitos ou deberes na relación laboral, entre outras cuestións xurídico-administrativas.